Cuba sitúa en 26 os falecidos na explosión de gas nun hotel na Habana
Cuba sitúa en 26 os falecidos na explosión de gas nun hotel na Habana
O suceso, que se rexistrou cando un camión cisterna servía gas ao hotel, deixa polo menos 26 falecidos e os feridos aumentan a 80
Entre as vítimas hai catro menores e unha embarazada
Trece dos 51 traballadores do Saratoga seguen desaparecidos
Pesar pola morte da moza galega Cristina López Cerón-Ugarte, orixinaria de Viveiro, e preocupación polo estado da súa parella, César Román Santalla, das Pontes . Os dous eran moi queridos tanto na zona da Mariña, coma en Ortigueira, onde traballaba a muller nunha oficina bancaria e nas Pontes, onde residían na actualidade.
Cristina e César foron xuntos de viaxe á illa caribeña. César era membro dunha familia moi coñecida na vila pontesa. No momento do estoupido estaban no exterior do inmoble na Habana Vella, no centro histórico da cidade, no coñecido Paseo do Prado. Víronse afectados pola onda expansiva cando se produciron os feitos.
A embaixada española en Cuba contactou cos seus familiares para informalos do que sucedeu. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lamenta a morte da turista na explosión do hotel, e trasladou en Twitter o seu cariño aos familiares das vítimas e feridos, e tamén o apoio do Goberno español ao pobo cubano.
Os dous turistas estaban no exterior do inmoble afectado cando os golpeou a onde expansiva, conforme aseguran fontes diplomáticas.
Son polo menos 26 as persoas falecidas e outras 64 resultaron feridas, algunhas de extrema gravidade, na forte explosión por un escape de gas nun hotel de luxo no centro da Habana. A presidencia de Cuba asegura en Twitter que entre as vítimas mortais hai catro menores e unha embarazada.
Estas cifras non son definitivas e poderían aumentar nas próximas horas, conforme se avanza nas tarefas de desentullo do hotel Saratoga, un establecemento emblemático do centro histórico habaneiro.
O presidente do país, Miguel Díaz-Canel, que acudiu rapidamente ao lugar dos feitos, subliñou que se trata dun "lamentable accidente" e descarta que fose unha bomba ou un atentado. Segundo dixo, púxose en marcha unha comisión de investigación e un plan para atender as familias das vítimas e a veciñanza afectada.
O grupo turístico estatal Gaivota, propietario do hotel Saratoga, explicou que o establecemento non estaba aberto ao público, pero que estaba previsto que reabrise o 10 de maio, despois de dous anos pechado pola pandemia.
O edificio, con todo, non estaba baleiro. No interior atopábase un equipo de empregados, que traballaba na posta a punto do inmoble, e un grupo de directivos, que participaban nunha reunión. O ministro de Turismo, Juan Carlos García Granda, asegurou que entre os feridos non hai estranxeiros.
Explosión e colapso
O suceso produciuse minutos antes das 11 da mañá, cando un camión cisterna de gas licuado servía un depósito do hotel. A tese máis probable é que a explosión se debese a unha fisura na mangueira do camión.
A detonación fixo que colapsara unha sección do edificio -de sete pisos- e que se desprendera a fachada das tres primeiras plantas, o que provocou unha choiva de toneladas de entullo sobre unha beirarrúa habitualmente concorrida.
O camión cisterna quedou parcialmente sepultado. A explosión provocou así mesmo unha gran columna de fume, que foi visible en gran parte da capital. Ao lugar dos feitos acudiron rapidamente bombeiros, axentes de Policía e equipos de emerxencias, que trasladaron os afectados a varios centros hospitalarios próximos.
Centro histórico e turístico
O Saratoga é un edificio de estilo neoclásico construído en 1880 e funcionaba como hotel desde 1911. Tras ser sometido a unha reforma integral, reabriu en 2005. Dos máis luxosos da capital cubana, entre a súa clientela están Beyoncé, Madonna, Karl Lagerfeld ou o cantante dos Rolling Stones, Mick Jagger.
O suceso ten lugar nun momento en que o sector turístico da illa tenta reactivarse tras dous anos de paro forzado pola pandemia, o que agudizou as dificultades económicas do país.
O turismo é o segundo maior sector do produto interno bruto (PIB) cubano, cunha achega do 10 % no 2019, e a segunda fonte de entrada de divisas.