Polvoróns feitos con manteiga de porco celta

Están elaborados por un obradoiro de Taboada

G24.gal 08/12/2023 16:33

Os polvoróns están presentes en moitas casas durante o Nadal, pero atopalos feitos en Galicia e con materia prima galega é moito menos frecuente. Un obradoiro de Taboada comezou a elaborar estes doces con manteiga de porco celta e din que non dan feito para atender os pedidos.

"Gustáronnos tanto que, era o Nadal pasado, e ocorréuseme que podiamos facer uns polvoróns e para darlle un toque galego utilizar manteiga de porco celta", comenta Nélida Sobrado, socia de Silváns.

E é que a manteiga de porco celta dálle ao doce unhas características singulares.

"É boa porque os nosos animais non van hormonados, nin con antibióticos. Neste caso, é unha graxa moi pura, limpa, branca e dá unha cremosidade que non dá outro tipo de graxa", afirma Martín Touceda, responsable de CienPorCel.

"A carne e a graxa de porco celta, debido á súa alimentación e á súa raza, ten un sabor moi característico e contribúe ao sabor do polvoróns", di Nélida Sobrado, socia de Silváns.

Con esta manteiga, améndoa, fariña, azucre e un pouco de canela, Nélida e Ana elaboran os polvoróns. Contan co selo de Artesanía Alimentaria da Xunta, e puxéronlle o nome de Tomesiños en homenaxe á súa terra. 

"En Taboada hai un carballo senlleiro, que lle deu nomo ao pobo no seu momento: Carballo e logo San Tomé do Carballo. Ata que colleu vitalidade a vila e pasou a chamarse Taboada. Entón, a nós de San Tomé saíunos Tomesiños", comenta Nélida Sobrado, socia de Silváns.

Presentáronos en novembro e foi tal o éxito que llelos quitan das mans. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade