Poñen en observación ás árbores do parque da Alameda de Santiago tras a caída dun chopo
Poñen en observación ás árbores do parque da Alameda de Santiago tras a caída dun chopo
Os técnicos do Concello cren que as flutuacións nas temperaturas debilitaron a árbore
A caída dun chopo preto do parque da Música, levou o Concello de Santiago a revisar o resto das árbores do parque da Alameda compostelá.
A primeira inspección de urxencia baralla a posibilidade de que o chopo se vise afectado por importantes cambios de temperatura durante esta tempada, os grandes contrastes entre o frío e maila calor. Estas flutuacións provocarían un debilitamento estrutural da árbore, xa que no seu interior viron un grande oco. Algún refacho de vento puido provocar o colapso deste exemplar.
"É un exemplar veterano dentro da contorna da Alameda, unha árbore que xa tiña moitos anos e que xa tiña a súa estrutura central oca, entón a parede da árbore que era o que a sustentaba tiña unha inserción froito dunha poda feita ha xa moitos anos e por aí foi por onde colapsou", explica Gregorio López, técnico xefe do Departamento de Parques e Xardíns, quen explica que as plantas teñen "un nivel de tensión máis alto que as fai máis fráxiles", froito deses cambios fortes de temperatura en moi pouco espazo de tempo.
Esta era unha dos 40.000 árbores que hai en Compostela e unha das mil oitenta que presiden a Alameda de Santiago dende hai centos de anos. Xa se chegou ao día en que tivo que abandonar as súas raíces. Este chopo, que houbo que talar, caeu debido á vellez e aos cambios climatolóxicos que afectaron a súa vida. Agora toca vixiar os seus veciños.
"A contorna é importante, de feito a avaliación e monitorización do arborado o primeiro que considera é a contorna, en canto a que os riscos dependen do que sucede ao redor desa árbore", di Marcos Regueiro, técnico de mantemento de zonas verdes.
"Tamén ante un suceso coma este, ver que se pode repetir nos seus veciños da mesma especie que puideran ter un problema similar, polo que se van avaliar en busca de problemas que poidan provocar un novo risco", asegura.
O departamento de parques e xardíns ten monitorizado un programa para levar un control individualizado das árbores tras os temporais e cada dous anos avalían e informan do seu estado. Poucos puideron ver a caída do chopo, xa que sucedeu pola noite.
Chopos coma este, ou álamos como tamén se lles chama, foron os que orixinaron o nome deste parque: a Alameda.