Pontevedra e Ourense quedan sen vía de alta capacidade
Pontevedra e Ourense quedan sen vía de alta capacidade
Seguirán unidas só pola N-541
O Goberno central non ve necesario a creación dunha nova vía de alta capacidade
"Está que non hai por onde andar, hai que ir facendo zigzag polo medio dos dous carrís. Se ven tráfico de fronte múltate por cruzar o carril e eu non vou estragar unha roda porque despois quen ma paga?, é unha vergoña", explica unha taxista.
Así de molestos están os veciños de Cerdedo-Cotobade coa decisión do Ministerio de Transportes de non construír unha vía alternativa á N-541 para unir as provincias de Pontevedra e Ourense.
"Fai un servizo bo porque si se arranxara como é debido ou se fixera unha autovía teriamos outro medio de transporte moito máis cómodo e moito máis seguro".
"E mais evitábanse moitísimos máis accidentes e evitábase tamén dar a volta a todo o que hai que dar para chegar", comentan outros veciños
No escrito remitido ao Senado, o Goberno defende que hai outras alternativas de comunicación a través da AP-9, da A-52 e da AG-53. O alcalde de Cerdedo-Cotobade, un dos impulsores do Pacto de Pedre, anuncia que non van tirar a toalla, aínda que insisten en que a reforma integral da nacional segue a ser para eles de absoluta prioridade.
"Non renunciamos a que o Estado en algún momento estude o proxecto e a construción dunha vía de alta capacidade que comunique a Pontevedra con Ourense e tamén con Lugo que é unha demanda ademais histórica. Nós no prioritario é a reforma integral da N-541, non imos renunciar porque o Goberno agora diga que non con esa claridade á vía de alta capacidade, polo tanto nós imos seguir coas nosas demandas", anuncia Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade