Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pontón ve a Rueda instaurado "no día da marmota" coas "receitas fracasadas de sempre"

Pontón ve a Rueda instaurado "no día da marmota" coas "receitas fracasadas de sempre"

“Onde están os grandes proxectos? Onde están as grandes apostas?”, cuestionouse Pontón, que critica que o líder do PP por ofrecer unha rendición no canto dun pacto industrial

A líder do BNG, Ana Pontón, valora o discurso de investidura (EFE/ Lavandeira Jr)
G24.gal 09/04/2024 12:46

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que o discurso de investidura de Alfonso Rueda ante a cámara evidenciou a un candidato instaurado “no día da marmota” e “sen ambición de país”.

Na súa primeira valoración do discurso do candidato para presidir a Xunta, Pontón lamentou que as palabras de Rueda mostrasen intención de seguir pola senda do continuísmo, debido a que “se repiten as mesmas promesas enlatadas” que os populares levaron á Cámara “hai dous anos, hai catro anos e hai oito anos”.

Dixo que non viu unha oferta real para que Galicia e os galegos poidan avanzar e ver melloras no seu día a día porque a intervención de Rueda fíxose desde unha confusión entre “a realidade e a visión idílica” que desde a Xunta pretenden ofrecer.

Sinalou que ademais de “decepcionante”, o discurso é preocupante porque non contempla novas ideas nin proxectos para que Galicia sexa capaz de “coller o tren do futuro” nun momento en que “todo está a cambiar no mundo”.

“Onde están os grandes proxectos? Onde están as grandes apostas?”, cuestionouse Pontón que critica que o líder do PP volvese coas “mesmas receitas fracasadas de sempre”.

Tamén reprochou a Rueda que tivese pouco en conta aos grupos da oposición, xa que a proposta que lles lanzou en materia de industria “non é un pacto", senón "unha rendición" para que o resto dos grupos acepten "un espolio" para o país.

Respecto aos cambios na estrutura da Xunta, Pontón restou importancia ás modificacións previstas, xa que considera que son “unha maneira de esconder a súa falta de proxecto”, en tanto que o que se “propón son cambios na estrutura para non cambiar absolutamente nada das políticas que ata o de agora xa se demostraron fracasadas”.

A nacionalista viu, por tanto, nestes anuncios unha intención de “suplir a falta de proxecto de país” a través de “cambios cosméticos” entre departamentos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade