Populares e socialistas abandonan o pleno tras expulsar Jácome o voceiro do BNG
Populares e socialistas abandonan o pleno tras expulsar Jácome o voceiro do BNG
O portavoz nacionalista intentou intervir logo de que Jácome lle chamase "matón e macarra"
Os edís populares, que gobernan en coalición con DO, aseguran que manterán o pacto para sacar adiante proxectos para a cidade
Tras tres intentos anteriores, o pleno municipal de Ourense aprobou o proxecto para a construción dunha residencia de maiores financiada pola Fundación Amancio Ortega. A sesión estivo marcada pola tensión que mantivo o alcalde co resto dos edís e rematou coa marcha dos concelleiros do PP e do PSOE tras a expulsión do portavoz do BNG.
As desavinzas desatáronse durante o debate cando o alcalde se referiu ao portavoz do BNG Luís Seara como un "auténtico matón e macarra". O rexedor falou no pleno dunha presunta denuncia interposta por un veciño contra o nacionalista segundo a cal supostamente lle dixo: "Ti es un demócrata de merda, vaste enterrar".
O portavoz nacionalista tentou tomar a palabra, sen ser a súa quenda, e o alcalde decidiu expulsalo do pleno.
Nada máis suspenderse a sesión e unha vez que os grupos deron luz verde ao proxecto da residencia, o grupo municipal do PP compareceu en bloque para criticar a actitude do seu socio.
A concelleira Flora Moure criticou o ocorrido no pleno e lamentou que este "logro" se vise "escurecido pola actitude totalmente irrespectuosa" do alcalde. Censurou o novo "show" do alcalde e advertiu de que o seu partido "non vai consentir" as faltas de respecto.
A pesar de todo, subliñou que o PP seguirá gobernando "en tanto a nosa presenza sexa necesaria" e poida sacar proxectos adiante.
Jácome, moi crítico coa postura do BNG no tema da residencia, afeou ao portavoz nacionalista que tentase intervir cando falaba o rexedor. "Así son estes soviéticos, que cren que mandan eles", espetou.
Os grupos recriminaron a Jácome a súa actitude e, en concreto, José Araujo (Ciudadanos) reprochou ao rexedor que sacase "trapos sucios" nun pleno. "É o máis baixo en política", afeou.
Tamén o PSOE se mostrou moi crítico coa situación. "O que está a pasar neste Concello desde hai moito tempo é inadmisible", sostivo Rafael Rodríguez Villarino.
O rexedor, pola súa parte, cuestionou a marcha "ao unísono" de PSOE e PP "en solidariedade cun edil que tivo a ousadía de subir e cortar ao alcalde".