Por primeira vez en case corenta anos Galicia aumentou a súa poboación en 6.000 persoas
Por primeira vez en case corenta anos Galicia aumentou a súa poboación en 6.000 persoas
O dato é do ano 2022 e a Xunta atribúeo ao éxito do programa Retorna para emigrantes e os seus familiares
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este xoves o "bo funcionamento" da Estratexia Retorna e lembrou que a atención aos emigrantes é unha das "prioridades" da lexislatura.
Acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o presidente galego participou na reunión da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas.
Segundo Rueda, unha das mostras de que a Estratexia Retorna funciona é que por primeira vez en case corenta anos Galicia gañou poboación en 2022, máis de 6.000 persoas.
Esta estratexia conta con distintas iniciativas e un orzamento plurianual de 450 millóns que pretende atender aos galegos noutros países e tamén darlles facilidades para regresar.
Unha das inquietudes que lle transmitiron os representantes destes países son as "dificultades evidentes" e concretas para regresar; como a ausencia de nacionalidade de todos os membros dunha familia, a homologación de títulos, a adaptación, a vivenda ou a escolarización, entre outros.
En calquera caso, insistiu Rueda, é "un bo programa que funciona" e por tanto a Xunta seguirá apostando por el, dixo.
Tamén destacou a necesidade de seguir prestando apoio social aos galegos en países cunha situación laboral e política complicada nos que as axudas da Xunta son as únicas que reciben e en manter os vínculos.
"Pídennos que continuemos co noso labor cultural, que manteñamos a presenza, que esteamos con eles para que as novas xeracións sigan vendo que a relación con Galicia segue sendo moi importante", dixo Rueda.