O prezo do leite en orixe baixa por terceira vez nun ano
O prezo do leite en orixe baixa por terceira vez nun ano
As industrias impoñen unha nova rebaixa e os gandeiros din que as condicións asfixian os produtores
"Estamos cansos, cansos disto", apunta Víctor Bello, gandeiro. Pesa o desánimo no sector. Malia que a industria fala de negociación, os gandeiros din que foi unha imposición, o novo prezo á baixa do leite.
As explotacións grandes perderán uns 2 céntimos por litro. As máis pequenas, unha media de 5. Víctor considéranse case afortunado, a el rebaixáronlle un céntimo e medio para os vindeiros 4 meses. "Pero teño compañeiros con baixadas de 4 e 5 céntimos, que iso é moi preocupante", continúa.
Esta nova rebaixa non se reflicte no prezo que paga o consumidor.
"Isto quere dicir que temos unha parte intermedia no sector que se está quedando cunha parte importante dos beneficios que se están producindo", informa Félix Porto, secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias
Segundo o sector, non hai ningún argumento que xustifique esta baixada do leite en orixe, que no último ano é do 25 %. "E a de custos non baixou o 25 %, estamos falando de baixadas arredor do 15", comenta Víctor.
"Pasamos dun prezo medio de arredor dos 59 céntimos por litro de leite no mes de febreiro do ano pasado a cerca dos 45 que imos estar agora", subscribe Félix Porto.
Non descartan facer mobilizacións para sinalar co dedo as marcas que secundan estas malas prácticas. Os gandeiros temen que non vai haber remuda. O sector é pouco atractivo para os máis novos. Non fan máis que mercar vacas para producir máis e gañar o mesmo. "Para gañar o mesmo, de 20 paso para 50, de 50 paso para 100, de 100 para 200, de 200 para 300... isto algún día ten que acabar", conta o gandeiro.