Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portos e Concello únense contra os depósitos de lixo que os peregrinos deixan en Fisterra

Portos e Concello únense contra os depósitos de lixo que os peregrinos deixan en Fisterra

Conseguiron erradicar o costume dos peregrinos de queimar o calzado no cabo 

G24.gal 31/05/2024 14:26

Fisterra é un dos lugares máis emblemáticos do Camiño, especialmente no estranxeiro, onde a idea de chegar ao cabo do mundo despois de visitar a Catedral de Santiago forma parte do imaxinario, que incluía tamén algunha superstición.

O de queimar o calzado para desfacerse de todo aquilo que o Camiño deixou atrás era para moitos un ritual espiritual, que houbo que prohibir por razóns ambientais e de seguridade. Así que o rito foise transformando en depósitos aleatorios de refugallo, que acaban por supoñer ao ano miles de toneladas de lixo.

"Entendo que o camiño é unha unha experiencia moi impresionante para moita xente, pero temos que pensar que fas demasiado lixo. Podería haber un lugar para depositas as lembranzas, ou polo menos, máis colectores onde depositar o refugallo", di unha peregrina.

O Concello e os responsables de Portos queren concienciar os visitantes de que non deben pendurar ou deixar ciscados os seus recordos ou as súas pezas de roupa. Cada semana recóllense quilos e quilos de lixo. Xa conseguiron erradicar o costume de queimar o calzado e agora o que pretenden é acabar cunha falsa tradición, que enche de todo tipo de refugallo a zona do faro.

Portos acaba agora de repoñer un valado, que caeu en parte polo peso das pezas que os peregrinos penduraban nel. Esperan que tras esta reposición e limpeza a fondo, e cun  labor de concienciación, o costume vaia desaparecendo.

"Chegou un momento en que xa non podiamos limpar o valado porque estaban todas as pezas, ata gomas de pelo, incrustadas. Agora que está limpo parece que ao primeiro lle custa deixar o lixo, pero unha vez que vai un xa van todos detrás", explica Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra.

O cabo de Fisterra debe ser unha paraxe onde poñer desfrutar do horizonte e da compaña das lembranzas, din, sen necesidade de estaren rodeados de lixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade