Ascenden xa a sete os falecidos polos incendios de Portugal, tres deles bombeiros
Ascenden xa a sete os falecidos polos incendios de Portugal, tres deles bombeiros
Hai activos 65 incendios, con maior incidencia nas rexións do norte e o centro do país, que provocaron tamén preto de medio cento de feridos
O dispositivo conta xa con preto de 6.000 efectivos, ademais de 1.700 medios terrestres e 29 aéreos
En Aveiro arderon xa máis de 11.000 hectáreas
Un pasaxeiro galego axudou o condutor do autobús co GPS para lograr saír de Aveiro
O lume avanza sen control en Portugal. En todo o país mantéñense activos máis de 100 incendios, rexistráronse polo momento sete vítimas mortais e preto de 50 feridos. Ademais, a Garda Nacional Republicana anunciou a detención de 7 persoas por provocar incendios forestais e a Policía Xudicial tamén realizou varias detencións polo mesmo delito. O país luso non descarta recorrer ao Fondo de Solidariedade da Unión Europea. Os veciños están angustiados.
"Estamos aflixidos e desesperados, isto é moi preocupante".
"Está ardendo todo e aínda vai vir aquí para a vila".
A Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil de Portugal informou este martes do falecemento de tres bombeiros mentres combatían os incendios rurais que arrasan o país desde a fin de semana, polo que ascenden a 7 as vítimas mortais polas chamas.
O comandante André Fernandes explicou este martes nunha rolda de prensa en Oeiras (área metropolitana de Lisboa) que as tres vítimas son dúas mulleres e un home que morreron despois de que o vehículo de combate no que estaban fose alcanzado polas chamas cando ían loitar contra un lume en Nelas (rexión Centro).
Este martes, o segundo comandante nacional da Protección Civil, Mário Silvestre, confirmou aos xornalistas a morte doutra persoa, sen dar detalles, aínda que os medios locais avanzaron que se trataba dun civil.
Máis dun cento de concellos, do centro e norte do país, están en risco máximo de incendio. A zona máis afectada é a rexión de Aveiro con vivendas calcinadas e centos de desaloxados.
Cortouse o tráfico en numerosas vías e en seis autoestradas e tamén se suspendeu o tráfico ferroviario nas zonas máis afectadas.
"Alí desaloxaron unha veciña e agora o fume chega ás casas da Portela e van desaloxar as persoas do lado".
6.000 bombeiros, 1.700 medios terrestres e 29 aéreos traballan arreo para sufocar as lapas. Países como España, Francia, Italia e Grecia xa enviaron efectivos.
"Isto non está nada fácil de combater, a zona afectada é inmensa e os bombeiros son poucos".
"Temos pánico, nunca vin tal cousa".
O lume ten como aliadas altas temperaturas sumadas á baixa humidade e aos fortes refachos de vento do leste, de 70 por hora, están complicando os traballos de extinción.
De feito o comandante André Fernandes precisou este martes que a situación continúa "moi complexa" e avanzou que as evacuacións continuarán tamén este mércores.
Estradas cortadas e tráfico ferroviario interrompido na fronteira española en Salamanca
Hai 5 autoestradas e 8 estradas nacionais cortadas, e tamén se interrompeu a líña férrea do Douro, que une O Porto coa fronteira española en Salamanca.
Os portugueses lembran estes días o inferno de 2017, cando unha vaga de incendios deixou un cento de mortos en todo o país.
O presidente da República cancelou unha visita oficial a España e o primeiro ministro anulou toda a súa axenda semanal.
O goberno declarou a situación de "calamidade" nos municipios afectados nun consello de ministros extraordinario par apoder dar apoio inmediato e urxente aos fectados polos incendios.
A situación de calamidade é unha figura legal que en Portugal se pode aplicar en catástrofes de gran dimensión para adoptar medidas de carácter excepcional destinadas a previr, actuar ou repoñer a normalidade.
Montenegro explicou que se vai a traballar en dar aloxamento e bens de primeira necesidade aos evacuados, así como apoio financeiro, para o que se está realizando unha análise dos danos causados polo lume, que arrasou casas e empresas.
Ademais, non descartou recorrer ao Fondo de Solidariedade da UE e prometeu man dura contra os cidadáns que provoquen lumes.
"Non imos escatimar esforzos na acción represiva. Non podemos perdoar a quen non ten perdón", asegurou o primeiro ministro, que explicou que o Executivo pediu á Fiscalía a creación dun equipo de investigación criminal de incendios.
A Garda Nacional Republicana (GNR) anunciou que, entre o 14 e o 17 de setembro, detivo sete persoas por delito de incendio forestal.
A Policía Xudicial tamén realizou varias detencións polo mesmo crime.