Preocupación nun barrio de Lugo pola aparición de pólas atravesadas nas portas
Preocupación nun barrio de Lugo pola aparición de pólas atravesadas nas portas
Os veciños atribúen esta práctica aos ocupantes ilegais de vivendas
A aparición duns ramallos atravesados nas portas das casas está a ser motivo de preocupación para a veciñanza do barrio lugués de Marqués de Ombreiro.
Os residentes, que procuran retiralos, sospeitan que se trata dunha artimaña para comprobar se o inmoble está baleiro antes de ocupalo de xeito ilegal.
Cren que os usurpadores de vivendas deixan as pólas nas portas para volver días máis tarde e ver que foi delas. É dicir, se xa non están, todo segue igual, pero se permanecen intactas, significa vía libre para entrar e poder así asentarse nelas.
Os veciños da mesma avenida xa denunciaran hai días o intento de ocupación irregular dunha casa. Tras alertar o 091, tres patrullas policiais acudiron ao lugar e desaloxaron o inmoble.
Tocante aos ramallos nas portas, a policía abriu unha investigación para comprobar se as sospeitas veciñais están fundadas.