Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación pola delincuencia no barrio ourensán da Ponte

Preocupación pola delincuencia no barrio ourensán da Ponte

Veciños dos barrios ourensáns da Ponte, o Vinteún e Santa Teresita están recollendo sinaturas en demanda de máis vixilancia e protección

Séntense inseguros pola proliferación de roubos e agresións derivadas, aseguran, do consumo de drogas

Xiringas usadas no parque da Ponte
G24.gal 09/04/2025 13:37

Arredor de cinco persoas foron desaloxadas recentemente do parque da Ponte. Nas fotos tras o desaloxo, poden verse restos do consumo de drogas, como xiringas usadas.

"Hai nenos, que poden cravar unha xiringa facilmente. Esperan os rapaces á saída do colexio e abáfanos pedindo cartos. Se non llelos dan, persíguenos ata que conseguen algo: roubánlles os móbiles ou os cartos...", relata María López Campos, unha das voceiras da plataforma veciñal.

María e Adrián son voceiros da plataforma veciñal que se constituíu para visibilizar o problema e para concienciar as autoridades da urxencia de tomar medidas. Falan de roubos en comercios, coches e vivendas, agresións e ameazas. 

"Entran a negocios, arrasan cos coches da rúa, garaxes, causan estragos... Eu mesmo, no meu negocio, tiven que perseguir xente pola rúa porque entran, collen calquera cousa e bótanse a correr". "Eu saín da miña casa ás tres da tarde e o primeiro que atopo é un rapaz cun coitelo no bolso rebuscando no lixo. Meteuse comigo e empezoume a dicir que me ía roubar". "Dormen nos portais e ás veces pretenden facer lume", enumeran.

Recollida de sinaturas

Aseguran que a situación está empeorando e animan todos os afectados a denunciar para que haxa un rexistro estatístico do número de roubos e agresións. Piden máis vixilancia e protección para os veciños pero entenden que a abordaxe do problema vai máis alá.

"Penso que ten que ter unha abordaxe desde servizos sociais, saúde pública e medidas preventivas. Nós podemos detectalo, pero o que demandamos agora mesmo é seguridade", aclara Adrián Nóvoa Rodríguez, outro dos voceiros da plataforma.

Levan dúas semanas recollendo sinaturas e xa pasan das trescentas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade