Preoupación pola cinza do Barbanza que arrastra a choiva ao mar
Preoupación pola cinza do Barbanza que arrastra a choiva ao mar
Haberá que esperar varios días para ver a afectación nos bancos marisqueiros
As confrarías da Pobra e Cabo de Cruz, vixiantes ante os sedimentos que arrastran os ríos
O río Pedras na Pobra do Caramiñal é un dos que carreta todos eses sedimentos que produciron os incendios, como cinzas e restos de paus. Aquí si que hai restos xusto na desembocadura no mar, pero non parece que estea afectando aos bancos marisqueiros, por exemplo no areal veciño de Barraña en Boiro é practicamente inexistente a presenza de cinza.
Nos vindeiros días as confrarías da contorna estarán moi pendentes de se seguen esas choivas intensas e de ver se a cinza sedimenta nos areais e finalmente pode afectar ao marisco e chegar a asfixialo.
Xusto onde o río Pedras, que baixa do monte, morre no mar hai refugallos arrastrados dos incendios, como pequenos anacos de tizóns e paus queimados. É o río que máis auga trae agora na zona que vai dende a praia de Barraña á Pobra. Aquí sabían que a cinza ía baixar despois do incendio, que queimou máis de dúas mil hectáreas.
O que non se sabe nestes momentos é a afectación que vai ter polas condicións tan variables. Hai que esperar varios días para saber se a os sedimentos acaban por depositarse enriba das zonas de marisco e, de o faceren, se o fan con cantidades importantes para que provoque a mortalidade dos bivalvos. De momento segue a chover e hai que facer un seguimento, xa que as correntes tamén poden levar as cinzas e depositalas noutras zonas.
Esta tarde coa marea baixa a Confraría da Pobra vai facer a súa primeira apreciación a pé de praia. Na Confraría de Cabo de Cruz aseguran que as súas zonas están libres de sedimentos que poidan danar o marisco. A Consellería de Pesca e a de Medio Rural están a facer un estudo da situación.
Ademais dos danos que se poidan producir no mar, tamén está afectada a subministración de auga potable de 330 vivendas na Pobra e algunhas de Boiro polos sedimentos de terra que colapsaron as estacións potabilizadoras e provocaron que a auga non fose apta para consumo humano e sufriron cortes.