Preto de 3.000 refuxiados ucraínos permanecen en Galicia

Arredor do 25 % dos que chegaron tras a invasión rusa regresou ao seu país

G24.gal 28/10/2023 14:18

Unha semana máis, e van oitenta e oito, a comunidade ucraína asentada na Coruña concentrouse para esixir paz e manter baixo o foco o que está sucedendo no seu país.

Desde o inicio da invasión rusa, Galicia recibiu preto de 4.000 refuxiados. Unha cuarta parte regresou. A maioría dos que quedaron conseguiron independizarse logo dun tempo acollidos por familias galegas, pero hai dificultades que persisten.

"Están rematando todos os programas para refuxiados ucraínos. A vivenda, que está terriblemente cara nas cidades galegas, xa é un problema para os de aquí e para eles moito máis. Sobre todo para conseguir avais, seguros bancarios, etc ", explica Óscar García Madarro, vicepresidente da asociación AGA-Ucraína

Son poucos, pero os refuxiados seguen chegando. Previsiblemente a cifra aumentará nos próximos meses pola dureza do inverno ucraíno e polo ataque ruso ás infraestruturas enerxéticas.

 A asociación AGA-Ucraína continúa ofrecendo apoio aos que chegan e ten en marcha dous proxectos de axuda humanitaria.

"Un é de instalación de audiófonos para a xente que perdeu audición polas explosións e o outro é de asistencia sanitaria móbil", detalla a presidenta da asociación, Masha Pavlenko.

Piden apoio económico para continuar financiando estas iniciativas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade