Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preto de 8.130 municipios constitúen os seus gobernos locais este sábado

Preto de 8.130 municipios constitúen os seus gobernos locais este sábado

Aínda hai incógnitas sobre quen gobernará en Barcelona, Ourense, Pamplona e Vitoria

G24.gal 17/06/2023 08:23 Última actualización 17/06/2023 08:40

Preto de 8.130 municipios constitúen este sábado os seus concellos, nunha xornada na que se confirma o envorco das urnas a favor do PP, que triplica as capitais nas que goberna, mentres o PSOE pasa de dirixir vinte e dúas a apenas dez.

A poucas horas de que se formen os Executivos locais e tras varias semanas de negociacións, aínda hai incógnitas sobre quen gobernará en Barcelona, Ourense, Pamplona e Vitoria, xa que as formacións non chegaron a ningún acordo.

No mapa do poder autonómico para os vindeiros catro anos, o PP gobernará en polo menos trinta das 52 capitais de provincia (conseguiu maioría absoluta en 28); o PSOE, ata en dez, e Vox estará presente en seis capitais tras pactar cos populares.

En Sevilla, Valencia, Huesca, Cáceres, Zaragoza, Castelló, Alacante, Palma ou Albacete, o PP tentará gobernar en solitario chegando a acordos puntuais con Vox.

Pola súa banda, a formación liderada por Santiago Abascal logrou entrar en 140 equipos de goberno e cogobernarán co PP en Burgos, Toledo, Guadalaxara, Valladolid e Ciudad Real. En todas elas, menos en Ciudad Real, o PSOE foi a forza máis votada o 28M.

Incógnitas

-Barcelona: As bases de JxCat e ERC terán a última palabra sobre un eventual acordo entre Xavier Trias -a lista máis votada- e Ernest Maragall para gobernar conxuntamente en Barcelona, nunha consulta á militancia no caso de Junts per Catalunya e nun congreso extraordinario de federación por parte dos republicanos.

-Ourense: A investidura en Ourense continúa no aire, sen candidato claro para facerse coa alcaldía. Esta elección podería atrasarse xa que o recurso presentado ante a Xunta Electoral aínda non se resolveu.

-Vitoria: Salvo sorpresas, terá a primeira alcaldesa da súa historia, a socialista Maider Etxebarria, grazas ao apoio do PNV e os votos "de balde" do PP para impedir que EH Bildu, a lista máis votada, goberne.

-Pamplona: EH Bildu reiterou a súa oferta de configurar en Pamplona un "goberno progresista, de esquerdas e plural" xunto ao Partido Socialista, Geroa Bai e Contigo Zurekin, e pediu a PSN que, se non acepta, "non peche o paso" a un goberno dos outros tres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade