Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prexubilación aos 56 anos, con 5 anos cotizados e 45 % de discapacidade. Así queda a reforma

Prexubilación aos 56 anos, con 5 anos cotizados e 45 % de discapacidade. Así queda a reforma

Quen teña unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 % pode anticipar a xubilación aos 52 anos se ten cinco anos cotizados

Só unha de cada catro persoas con discapacidade ten traballo en España

O Goberno regula a fórmula mixta de incentivos para atrasar a xubilación

Aprobada a rebaixa a 2 euros de entradas de cinema para maiores de 65

G24.gal 16/05/2023 13:42 Última actualización 16/05/2023 15:13

O Goberno aprobou este martes en Consello de Ministros o Decreto polo que se reduce de 15 a 5 os anos necesarios para que as persoas con polo menos un 45 % de discapacidade poidan acceder á xubilación anticipada.

"Aprobamos unha mellora de condicións para que as persoas con discapacidade poidan pedir a xubilación anticipada, hai que poñelo no contexto das medidas que o Goberno está a tomar para mellorar a vida das persoas con discapacidade, particularmente das máis vulnerables", explicou o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, este martes na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Entre as novidades que se introducen con esta reforma, Escrivá explicou que "se reducen de forma substantiva" os anos de cotización necesarios para poder acceder á xubilación anticipada, de 15 a 5 anos desde que se ten a discapacidade recoñecida. Ademais, destacou que, á hora de determinar o grao de discapacidade, que debe ser de polo menos o 45 %, poderanse "acumular dous tipos de patoloxías distintas" para chegar a esa porcentaxe.

Ata o de agora as persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 45 % podían prexubilarse aos 56 anos, sempre que tivesen cotizados 15 anos coa discapacidade recoñecida. Se a discapacidade era do 65 % ou superior, á prexubilación podíase acceder aos 52 anos, neste caso con 15 anos de cotización ao longo de toda a vida laboral sen o requisito da discapacidade recoñecida. Deste xeito o cambio máis grande é a redución deses 15 anos de cotización esixidos, que pasan a ser cinco.

Así mesmo, o ministro de Inclusión destacou que esta reforma supón "unha simplificación considerable da determinación das patoloxías que dan lugar a esa xubilación anticipada", xa que "no pasado requiríase un informe do Imserso" ou dun órgano equivalente da comunidade autónoma e "agora será suficiente un informe médico onde se determinen determinadas circunstancias".

Doutra banda, Escrivá engadiu que "a listaxe de patoloxías que no pasado era moi difícil modificar normativamente, agora poderase modificar a través dunha orde ministerial".

"Axilizamos e simplificamos os procesos ante determinados avances no diagnóstico que nos poida levar a contemplar patoloxías adicionais", subliñou o ministro, facendo fincapé en que esta reforma pon de manifesto o "compromiso" do Executivo coas persoas con discapacidade.

O cálculo da pensión de xubilación será igual que o da ordinaria. 

Novo incentivo para demorar o retiro

Tamén en materia de pensións, o Goberno flexibiliza as condicións para demorar voluntariamente a xubilación. Poderá combinarse un pagamento ao acceder á pensión co aumento da contía mensual.

Esta fórmula mixta xa estaba prevista na reforma das pensións acordada cos axentes sociais en xullo de 2021, pero non se regulou ata o de agora.

Desde 2022, explicou Escrivá, pódese cobrar un tanto alzado (o denominado "cheque") ou alternativamente unha porcentaxe do 4 % máis na pensión por cada ano de demora no acceso á xubilación.

Agora poderase optar tamén por esta nova fórmula, de forma que quen atrase a súa xubilación entre 2 e 10 anos recibirán simultaneamente un incremento da súa pensión do 2 % por cada ano que demoren e un pago único equivalente á metade do que lle correspondería se optasen pola fórmula actual do pago único.

Desta forma, se a xubilación se atrasa 11 anos ou máis, o incentivo será dun pago único aplicado a 5 anos do período demorado e un incremento do 2 % da pensión por cada ano de demora.

Escrivá lembrou que en 2022 -primeiro ano de aplicación- a xubilación demorada aumentou un 5,4 %, en tanto que no primeiro trimestre de 2023 incrementouse un 7,8 %.

No que vai de 2023, 1.148 novos pensionistas optaron polo pago único, cuxa contía media é de 13.100 euros, detallou o Ministerio de Seguridade Social nun comunicado.

O 17 % das pensións beneficiouse dalgún tipo de complemento por demora, fronte ao 12 % no mesmo período de 2022.

O Goberno aproba a rebaixa a 2 euros de entradas de cinema para maiores de 65

O Consello de Ministros tamén aprobou este martes o deseño dun programa que permitirá que un día á semana as entradas de cinema custen 2 euros para as máis de 9,5 millóns de persoas maiores de 65 anos de toda España.

O plan, proposto polo Ministerio de Cultura e Deporte, ten como obxectivo fomentar o retorno ás salas tras a pandemia no grupo ao que máis lle está custando retomar os seus hábitos de asistencia.

Contará cun orzamento de 10 millóns de euros, realizarase en colaboración co sector da exhibición e poderán adherirse a el as salas que o desexen, indica o ministerio.

Segundo Cultura, obsérvanse notables diferenzas de asistencia entre franxas de idade: se o 49,3 % dos mozos de 20 a 24 anos acudiu polo menos unha vez ao ano ao cinema entre 2021 e 2022, esa porcentaxe cae ata o 6 % na poboación de máis idade.

O Goberno lembra que, de todos os sectores culturais, o cinema é un dos máis afectados pola pandemia e incide en que esta medida está aliñada cos obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e coa axenda europea para a cultura da Comisión Europea.

Aínda que está na senda da recuperación, a asistencia ás salas atópase aínda ao redor dun 40 % por baixo da media rexistrada entre 2017 e 2019.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade