Publicador de contidos
Publicador de contidos

Primeira colleita de cebada cervexeira na Limia

Primeira colleita de cebada cervexeira na Limia

Unha iniciativa de Estrella Galicia para achegar a produción de materia prima

O rendemento multiplica por seis a produción en Castela e Aragón

G24.gal 10/08/2023 14:23

Sementaron 35 hectáreas e contan con recoller máis de 150.000 quilos. A primeira colleita de cebada cervexeira na Limia está superando as expectativas de Estrella Galicia.

José Luis Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Cosecha Galicia: "É un solo moi fértil, así que hai un desenvolvemento vexetativo espectacular. Estamos multiplicando por seis os rendementos de Castela e Aragón. Pódese dicir que, a día de hoxe, é a única cebada que hai en España".

Empregan unha variedade de gran que é a máis cultivada a nivel mundial e que nestas terras da antiga lagoa de Antela atopou unhas condicións idóneas para crecer.

Fernando Almeida, enxeñeiro agrónomo de Sementares: "Eu creo que é un cultivo que vai ir a máis, porque se adapta ao ciclo curto que temos na zona da Limia. Esta é unha zona cha, con moita tendencia a encharcar porque o nivel freático está moi alto, así que o espazo de sementeira-colleita é moi curto e os cultivos precoces son os que mellor se adaptan".

O cultivo fano produtores locais, agricultores da Limia aos que tamén Lles interesa ampliar o abano de posibilidades para a rotación de cultivos.

"Para a comarca da Limia é unha alternativa de cultivo moi interesante porque encaixa na rotación de cultivos que lles esixen e que encadra cos outros cultivos tradicionais da zona: pataca, millo, outros trigos...", asegura Olmedo.

Actualmente, envían a cebada a Pamplona para transformala en malta, o ingrediente principal da cervexa, pero se se consolida a produción en Galicia non desbotan construír aquí unha planta de malteado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade