Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión para o administrador da empresa de Cambre en que apareceron sete toneladas de cocaína

Prisión para o administrador da empresa de Cambre en que apareceron sete toneladas de cocaína

G24.gal 15/02/2024 17:52

A Audiencia Provincial da Coruña decretou o ingreso en prisión sen fianza do administrador da empresa onde a Policía Nacional comisou 7,2 toneladas de cocaína en Cambre.

O home fora apresado xunto con outras tres persoas a principios de decembro.

A empresa está vencellada ao transporte marítimo de produtos pesqueiros.

O alixo que apareceu nela foi no seu momento o maior alixo de cocaína da historia de Galicia.

A Audiencia mantén as medidas cautelares, consistentes en retirada do pasaporte e prohibición de expedición dun novo.

O tribunal explica no auto que os indicios que se derivan do actuado ata o momento durante a instrución da causa permiten afirmar, "á parte da gravidade e transcendencia que tiveron os feitos", que nos atopamos "ante un delito contra a saúde pública" cunha pena de ata doce anos de cárcere.

Conclúe que concorre un dos supostos para decretar a prisión provisional: que haxa constancia da existencia dun ou varios feitos que presenten caracteres de delito sancionado con pena igual ou superior aos dous anos de prisión.

Engade que se trata do administrador único da empresa destinataria da droga, polo que afirma que existen indicios da súa presunta responsabilidade criminal nos feitos, xunto a unha existencia de risco de fuga.

O investigado "conta con medios para facilitar a súa fuxida" debido á súa capacidade económica e a que conta co apoio de persoas que lla poderían facilitar, ademais da existencia de indicios de que forma parte "dunha organización internacional dedicada ao tráfico de substancias".

O investigado ingresou este xoves en prisión e a resolución é firme, pois contra ela non cabe interpoñer recurso. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade