A policía busca o dono do barco que chegou a Camariñas con 1.300 kgs de cocaína
A policía busca o dono do barco que chegou a Camariñas con 1.300 kgs de cocaína
Prisión sen fianza para o tripulante do pesqueiro e único detido ata o momento
A droga comisada no Nuevo Furuno valórase en máis de 40 millóns de euros
O xuíz pon en busca e captura ao propietario do Nuevo Furuno, o barco interceptado preto de Camariñas cando trasladaba un alixo de 45 fardos de cocaína.
A bordo ía só un tripulante, un mozo natural de Boiro. Pero el non é a persoa que mercou o pesqueiro de Camelle hai uns meses. O propietario, tamén de Boiro está en paradoiro descoñecido.
Ademais deles dous, podería haber máis persoas relacionadas co transporte da droga.
Sospeitan que a cocaína viña noutro barco e que se trasvasou ao Nuevo Furuno no corredor de Fisterra.
A operación antidroga segue aberta, baixo segredo do sumario.
Prisión para o único tripulante do barco
Mentres tanto, o Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión decretou este venres prisión provisional, comunicada e sen fianza para o único detido polo momento na operación contra o narcotráfico de Camariñas.
Está investigado por un delito contra a saúde pública.
O arrestado é un cidadán galego, de entre 30 e 40 anos, ao que se lle imputa un delito de tráfico de drogas a grande escala xa que o peso total do alixo andaría polos 1.300 quilos e o seu valor no mercado negro superaría os 40 millóns de euros.
A venda do pesqueiro activou a investigación
O barco fora vendido hai catro meses e desde entón non tiña actividade pesqueira coñecida. Os axentes do Greco, da Udyco e os de Vixilancia Aduaneira abordárono cando chegaba ao porto de Santa Mariña, en Camariñas.
Esta é unha das operacións contra o narcotráfico máis importantes do que levamos de ano. Hai 10 días, a Udyco e Aduanas incautáronse de 500 quilos de cocaína en mar aberto; en maio comisáranse en Vigo 650 quilos de cocaína agochada nun cargamento de bananas.