Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión sen fianza para o home acusado de matar a muller en Valladolid

Prisión sen fianza para o home acusado de matar a muller en Valladolid

A causa quedou aberta polos delitos de homicidio, ameazas, malos tratos habituais, contra a seguridade viaria e de incendio con risco grave para as persoas

G24.gal 15/08/2024 16:04

O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Valladolid ordenou este xoves prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o home acusado de acoitelar ata a morte a súa muller en Valladolid.

A causa quedou aberta polos delitos de homicidio, ameazas, malos tratos habituais, contra a seguridade viaria e de incendio con risco grave para as persoas.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León, as dilixencias que se practiquen ao longo da instrución determinarán se finalmente se lle imputa un delito de asasinato.

Ademais, avanzou que a causa pasará a ser instruída polo xulgado de violencia sobre a muller.

A vítima foi unha muller de 49 anos que apareceu morta o 12 de agosto nunha casa incendiada do barrio dos Pajarillos de Valladolid.

A muller foi atopada pouco despois da oito da mañá do pasado luns cando os bombeiros acudiron a sufocar un incendio no domicilio que provocara o suposto agresor ante de fuxir a Galicia.

Na vivenda incendiada tamén se acharon tres cans mortos.

A autopsia determinou que a morte da muller de debeu ás feridas que presentaba por arma branca.

Con este caso son 29 as mulleres vítimas mortais de violencia de xénero no que vai de ano, 1.273 desde 2003.

As vítimas da violencia machista e a súa contorna poden pedir axuda en distintos recursos activos todos os días da semana e as 24 horas do día: o teléfono 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016.

Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, se non é posible facer esa chamada, en caso de perigo existe tamén a opción de activar a aplicación Alertcops, que envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade