Produtores tradicionais de sete concellos da montaña ourensá únense nunha web de venda en liña
Produtores tradicionais de sete concellos da montaña ourensá únense nunha web de venda en liña
Explican que é como un Amazon do rural galego, un lugar onde atopar produtos como as androllas de Viana ou postres típicos como o montonico de Vilariño de Conso
En total foron sete concellos os que implicaron pequenos emprendedores locais para montar esta web. Venden en liña produtos con "arraigamento á terra". Arraigamento á terra como o que se respira nas covas de Seadur, con máis de 200 e ata 300 anos de historia.
Aquí almacenáronse centenares de miles de litros de viño que despois eran enviados en tren a cidades como a de Lugo.
Agora, con métodos de comercialización completamente distintos, estas covas están a piques de seren declaradas Ben de Interese cultural e gardan viños, godello e mencía, que tamén están dispoñibles nesta páxina web.
"Agora o viño desta zona chega a moitos máis sitios, pero antes ía todo para Lugo. O meu arraigamento á terra vén de cinco xeracións anteriores, pero dunha familia moi extensa son o único que hoxe se dedica a isto. Eran moi meticulosos, constantes e moi traballadores. E a min inculcáronme iso", explica Francisco Javier Mateo García, viticultor e adegueiro de Larouco.
Viños da D. O. Valdeorras, coma os de Xabier, están nesa web que deron en chamar o Amazon galego, pero que ten o valor engadido de dar acceso ao froito do agarimo dos pequenos produtores.
Di o refrán que en Larouco hai moito viño e pan pouco. Hai unha única panadería que sobrevive neste pequeno concello das estribacións da serra de Queixa. Repartimento de aldea en aldea, e despacho á pé de forno eran ata agora os seus métodos de venda. Pero, agora, os seus produtos ademais están tamén na web arraigoaterra.
"Hai que andar ou morrer. É unha forma e seguir vivos quedando no rural. Poder conseguir que os nosos produtos cheguen a outras zonas, e invitar a xente a que veña", di Toña Teixeira, panadeira en Larouco.
Na web hai embutidos de Viana, doces de Vilariño de Conso, mel do Bolo ou xabón de San Xoán de Río. Son produtos que tamén son patrimonio porque gardan neles o legado da elaboración tradicional.
"Que mellor xeito para estes emprendedores, que teñen negocios pero que nunca se atreverían, por medo ou por cuestións económicas, a crear unha web, pois deste xeito estes sete concellos dan este pequeno empurrón para que lles sexa máis sinxelo e lle perdan o medo a esa nova metodoloxía de venda", declarou a Patricia Lamela, a alcaldesa de Larouco.