Publicador de contidos
Publicador de contidos

Profesionais médicos piden o aumento da idade legal para consumir alcol

Profesionais médicos piden o aumento da idade legal para consumir alcol

Tamén reclaman unha suba do prezo e un control rigoroso dos puntos de venda para loitar contra o botellón

Sociedades científicas achegan propostas ao anteproxecto de lei para previr o consumo de alcol entre menores

 

G24.gal 17/04/2022 11:24

Profesionais médicos e sanitarios españois reclámanlle ao Goberno que o anteproxecto de lei para previr o consumo de alcol en menores incorpore un aumento do prezo das bebidas e da idade de inxesta, ademais dun control rigoroso dos puntos de venda para loitar contra o botellón.

Estas son as achegas principais de entidades científicas como a Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (SEMFYC); a de Saúde Pública e Administración Sanitaria (SESPAS); a Española de Epidemioloxía (SEE) ou a Científica de Estudos sobre Alcol, Socidrogalcohol.

O Ministerio de Sanidade e a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas abriron a consulta pública o anteproxecto de lei para protexer os menores dos efectos negativos do alcol e "impedir as actividades e condutas destinadas a promover, favorecer ou facilitar o seu consumo".

O obxectivo é loitar contra os botellóns e favorecer "hábitos de vida saudables entre menores de idade e a súa educación fronte ao consumo de bebidas alcohólicas", segundo detalla o texto que o Executivo quere desenvolver nesta lexislatura. A priori, non distingue o viño ou a cervexa do resto de bebidas alcohólicas de alta gradación.

A SEMFYC pídelle a Sanidade establecer un "aumento do prezo das bebidas alcohólicas a través dun imposto especial" (en España son un 19 % máis baratas que a media europea).

Pola súa banda, a Sespas, SEE e Socidrogalcohol falan de reducir a accesibilidade mediante impostos ou a fixación dun "prezo mínimo".

Inicio real no consumo

Tamén queren atrasar a idade de inicio real do consumo de alcol en España, agora situada nos 14 anos. Segundo os estudos científicos que manexan estas entidades, os menores que empezan a beber con esa idade teñen seis veces máis probabilidades de ter problemas co alcol ao longo da vida que os que comezan aos 21, idade legal de inicio establecida en moitos países.

A SEMFYC reclama un "acordo social para que se respecte a maioría de idade" dos 18 anos no inicio do consumo de alcol e estableza "normas estritas" na regulación dos puntos de venda, unha restrición de horarios e reducir a publicidade e o patrocinio.

Socidrogalcohol vai máis lonxe e pide "reevaluar e incrementar a idade legal de consumo" de bebidas alcohólicas acorde á madurez neuronal, tal e como se fixo noutros países.

A Sespas e a SEE, pola súa banda, avogan por un "cambio cultural" para reducir os consumos de risco e os comas etílicos que, de xeito máis frecuente, se rexistran entre menores de idade.

Prohibir as "happy hour"

Neste contexto, todas as entidades científicas inclúen nas súas achegas prohibir as vendas a prezos reducidos como nas "Happy hour" ou nos 2x1 en franxas horarias dalgúns establecementos; vetar a venda e o consumo de alcol na vía pública; e establecer "sancións disuasivas" aos establecementos que vendan fora dos horarios permitidos a menores.

Outras das medidas para levar a cabo serían a das advertencias sanitarias nos envases e facer un seguimento médico dos menores con intoxicacións etílicas agudas, especialmente nos casos de reincidencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade