Publicador de contidos
Publicador de contidos

Programa Talentos: a ONCE fomenta a contratación de persoas con discapacidade nas empresas galegas

Programa Talentos: a ONCE fomenta a contratación de persoas con discapacidade nas empresas galegas

Só unha de cada catro persoas con discapacidade accede ao mercado laboral

En Galicia hai 240.000 persoas con distintas discapacidades

Cisco García, nun momento da súa intervención en Ourense
G24.gal 01/06/2023 21:11 Última actualización 01/06/2023 21:24

Oitocentas trinta e unha persoas con discapacidade conseguiron traballo o ano pasado en Galicia grazas á Fundación ONCE.

Un dos instrumentos é o programa Talentos, cun obxectivo: que as empresas coñezan e recoñezan a súa valía e o seu afán de superación.

Nese marco, Ourense recibiu un dos que máis sabe de superarse: o avogado e campión de tenis sobre rodas Cisco García.

Unha mala caída practicando deporte na neve en 2015 rematou para o cordobés Cisco García cunha paraplexia que lle inutilizou as pernas. Veu contar a súa historia a Ourense dentro do prograna Talentos da ONCE, e como a superou, por se a alguén lle serve a súa experiencia pero tamén para que as empresas se decaten de que malia estar en cadeira de rodas, a persoa segue sendo a mesma.

"Poden realizar o traballo igual de ben ca outra persoa, polo menos que non descarten cando aparece alguén con discapacidade que xa poñan o non, senón: imos escoitalo, imos ver o seu pasado, a súa preparación e competencias porque pode achegar moitísimo" cóntanos o propio Cisco García.

Tamén falou do seu libro Irrompible, editado no 2021, que vai pola sétima edición.

"Conta a miña filosofía de vida, un pouco a miña historia e cousas que a min me axudaron no día a día. E se con isto podemos axudar a xente cos seus problemas cotiáns, pois moi contento. A vida na cadeira é menos dura do que eu pensaba antes. Vida plena, podes facer mil cousas, seguir viaxando, vivindo só, facendo todo o que queiras. Apertando máis os dentes, non o neguemos, pero podes".

Casado tras o accidente e con dous fillos, a súa ilusión actual é prepararse ao máximo para as Olimpíadas de París do ano que vén. Outra forma de darlle visibilidade ao talento das persoas con discapacidade para fomentar a súa contratación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade