Publicador de contidos
Publicador de contidos

Progresiva integración das refuxiadas ucraínas do Arenal Emevé

Progresiva integración das refuxiadas ucraínas do Arenal Emevé

As xogadoras comparten piso e xa se incorporaron á disciplina do equipo lugués

G24.gal 26/03/2022 13:26

Marta, Bozhena, Alika e Valeria, as catro rapazas ucraínas acollidas polo equipo lugués de voleibol Arenal Emevé, tentan retomar pouco a pouco as súas vidas no piso que comparten na cidade das murallas.

Teñen entre doce e vinte anos e as súas vidas truncáronse completamente por mor da guerra.
O Emevé tivo os seus motivos para acollelas. O principal: non mirar a outro lado.

As tres maiores son xogadoras da selección ucraína e a menor, Bozhena, veu para Lugo canda a súa irmá. Esta noite van recibir unha boa alegría: chegan, tamén para quedar como refuxiadas, a súa irmá pequena e a nai.

"Miña nai está preocupada e feliz. Preocupada porque o meu pai e irmán quedan en Ucraína, pero contenta de estar aquí comigo e coas miñas irmás", comenta Marta mentres ensina unha foto familiar.

Valeria fala da súa nai, do seu pai e do irmán que quedaron en Ucraína. Está infinitamente triste e preocupada. Estráñaos moitísimo. Porén, todas agradecen a acollida que están a ter en Galicia.

Alika gaba a amabilidade da xente e, con chanza, comenta que topou unha torta de queixo deliciosa e, sobre todo, un grande equipo no que adestran case con normalidade. Malia e todo, estrañan a súa casa e o seu país.

As tres adultas marcharán dende o 9 de abril ata o 24 de maio a Austria para adestrar coa selección ucraína. En función de como estea a situación, volverán para a súa terra ou para Lugo.

Aquí teñen o Arenal Emevé, o equipo que se fai cargo, mentres sexa preciso, do seu aloxamento, manutención e escolarización. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade