Publicador de contidos
Publicador de contidos

Promoven a conservación das aves insectívoras

Promoven a conservación das aves insectívoras

Ecoloxistas en acción organiza As tres mosquiteiras para protexer o cirrio, a andoriña común e a andoriña de cu branco

Alertan dos perigos nas cidades, como as obras que impiden a conservación dos niños

G24.gal 09/06/2023 19:24 Última actualización 09/06/2023 20:14

En canto empeza a caer o sol, comeza o espectáculo na presa de Velle. Ducias de andoriñas sobrevoan o encoro á procura de insectos para as súas crías.

Nancy Blanco, Ecoloxistas en Acción: "Estes poliños son moi famélicos e aquí teñen moi preto a comida. Teñen moi fácil coller auga, insectos... E tamén polas e arxila para facer os niños".

Os voluntarios que acoden á actividade encárganse de facer un censo dos niños.

María Docampo, guía da actividade: "Contamos 108 niños e haberá máis porque hai unha parte da fachada que non vemos. Saber o que temos é unha maneira de poder conservalo no futuro".

As aves mosquiteiras son vitais para o ecosistema, un insecticida natural, pero as cidades son para elas un ambiente hostil, e non só polos pesticidas ou as liñas de alta tensión. "Aniñan en ocos de catedrais e edificios que, coas reformas e as obras, vanse tapando", explica Nancy Blanco.

Velas así de preto, alimentando os seus poliños, axuda a concienciar. "Sobre todo, ver como algúns van construíndo o seu niño. Vemos como collen a arxila para subir, facelo... e é superinteresante", comenta Susana, bióloga que participa na actividade.

Podemos velas entre marzo e agosto. Co outono voan a África, 3.000 quilómetros de travesía, para anunciarnos, de volta, a próxima primavera.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade