Proxectan construír un parque eólico mariño entre Galicia e Portugal
Proxectan construír un parque eólico mariño entre Galicia e Portugal
O proxecto prevé instalar 109 turbinas nunha superficie de 530 quilómetros cadrados fronte ás costas do Baixo Miño e Viana do Castelo
En Galicia hai polo menos media ducia de iniciativas con propostas para instalar ata 600 muíños
A empresa Iberblue Wind, formada pola irlandesa Simply Blue Group e as españolas Proes Consultores e FF New Energy Ventures, proxecta construír dous parques eólicos mariños fronte ás costas de Galicia e do norte de Portugal, segundo anuncia este martes nun comunicado.
O proxecto prevé instalar 109 turbinas nunha superficie de 530 quilómetros cadrados fronte ás costas do Baixo Miño e Viana do Castelo, o que constituiría o "primeiro proxecto transfronteirizo de eólica mariña flotante do sur de Europa", sinala a empresa.
A súa intención é instalar os aeroxeradores sobre "plataformas flotantes ancoradas ao leito mariño" nunha zona "ao longo de 117 quilómetros cadrados fronte ao litoral que vai desde As Mariñas ata A Guarda e a unha distancia de entre 20 e 35 quilómetros da costa", co fin de "minimizar o seu impacto visual", apunta a empresa.
Os dous parques eólicos, denominados Juan Sebastián Elcano e Creoula, captarían ata un total de 1,96 xigawatts (GW), segundo os cálculos da empresa.
Iberblue Wind xa presentou o novembro pasado un proxecto de construír un gran parque eólico mariño no mar de Alborán, fronte ás costas de Málaga e Cádiz, con 55 aeroxeradores nunha superficie de 310 quilómetros cadrados co nome de Nave Vitoria e unha potencia de ata 990 megawatts (MW).
En Galicia, ademais desa empresa, hai polo menos media ducia de iniciativas con propostas para instalar ata 600 muíños de captación de vento cunha capacidade no seu conxunto para producir ata algo máis de 6 xigawatts (GW) hora.