Publicador de contidos
Publicador de contidos

O alcalde socialista do Carballiño xustifica o pacto co PP "para poder aprobar orzamentos"

O alcalde socialista do Carballiño xustifica o pacto co PP "para poder aprobar orzamentos"

Gobernarán en coalición os próximos tres anos, dous co socialista Fumega como alcalde e o último co popular José Castro

Besteiro confirma que abrirán expediente ao alcalde e aos concelleiros socialistas polo acordo co PP

G24.gal 19/06/2024 14:38

A sesión extraordinaria da corporación do Carballiño fora solicitada por Espazo Común, a formación liderada por Pachi Vázquez, para reprobar a xestión municipal e buscar unha alternativa. A resposta foi un acordo entre os dous grupos maioritarios, PSOE e PP, para un goberno de coalición. 

 "Estades pactando algo contra o voso partido e contra os vosos votantes", defende Pachi Vázquez., de Espazo Común. 
 

Desde o Partido Popular aseguran que dan este paso porque consideran que é o mellor para asegurar investimentos no Carballiño. E din que non admiten leccións. 

"Vostede é unha escisión do PSOE. Foi o xefe do partido en Galicia. Estanos dicindo que por ideas temos que pactar con uns ou con outros", responde o voceiro popular, José Castro.

O alcalde admite que recibiu presións da dirección do Partido Socialista para evitar este pacto, pero di que é unha decisión unánime da executiva local. 

"É unha decisión no ámbito local que persegue desbloquear a situación do Carballiño para poder aprobar uns orzamentos e tirar cara a adiante", xustifica Francisco Fumega, alcalde do Carballiño.
 

Francisco Fumega seguirá á fronte do concello dous anos. O terceiro collerá o mando o Partido Popular.

 

Gómez Besteiro confirma que o PSdeG abrirá expediente ao alcalde e aos concelleiros socialistas: "hai outras formas de dar estabilidade"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro,  confirmou que o partido abrirá expedientes aos concelleiros socialistas do Carballiño, entre eles o alcalde Francisco Fumega, tras o acordo alcanzado co Partido Popular para compartir a alcaldía.

"O PP é un partido absolutamente respectable pero non gobernamos co PP, somos a alternativa ao PP", dixo Besteiro ao ser preguntado este mércores pola decisión do Grupo Municipal Socialista de chegar a un acordo co PP.

Besteiro, que lembrou que a executiva do PSdeG xa deixou claro que este acordo non contaba coa autorización da dirección do partido, asegurou que esta postura tamén é compartida pola dirección provincial e federal do partido.

Tras insistir en que, "cando se traspasan certas liñas vermellas" ábrense os expedientes informativos", revelou que, unha vez desvelado o acordo entre o PP e o Grupo Municipal Socialista para compartir a alcaldía, non falou co alcalde.

Preguntado ao respecto, tamén subliñou que este pacto é diferente ao "marco de apertura de diálogo" aberto "con varios partidos" -entre os que se atopa o PP- na cidade de Ourense para "resolver o colapso" que se produce na cidade.

"Un diálogo que abriu o PSOE e que espero que, con responsabilidade, todo o mundo empece a valorar", afirmou, e apuntou que este tipo de conversas "non teñen nada que ver coa situación do Carballiño".

Nun acto en Santiago de Compostela e preguntado polas palabras nas que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu o acordo do Carballiño para "dar estabilidade" á vila, Besteiro sostivo que "hai outras formas de dar estabilidade". “Se se quere achegar esa estabilidade, non se pode propoñer ningún tipo de actuación e apoiar claramente un goberno socialista co alcalde á cabeza, sen ter que entrar en ningún tipo de acordo”, apuntou.

Neste punto, preguntado por se o PSOE preferiría que Francisco Fumega se sometese a unha posible moción de censura por parte de Espazo Común e o PP, Besteiro asegurou que esta é unha das "opcións" que podería haber no Consistorio e que volveu a ter en conta. Sostivo que o PSOE é "unha alternativa ao PP".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade