Publicador de contidos
Publicador de contidos

PSOE e PP recoñecen o "erro" do voto rogado e celebran a súa derrogación

PSOE e PP recoñecen o "erro" do voto rogado e celebran a súa derrogación

Os dous partidos consideran que o novo sistema ofrece garantías contra a fraude, a principal queixa dun BNG que se abstivo na votación

G24.gal 10/06/2022 08:59

O deputado popular Celso Delgado e o senador socialista César Mogo recoñecían esta mañá no Galicia por diante que o voto rogado implantado en 2011 foi un erro que se corrixiu onte coa súa derrogación. O Congreso aprobou por ampla maioría o novo sistema para votar desde o estranxeiro, que suprime a obriga dos cidadáns de solicitar o voto con antelación para participar nos comicios.

"Non tiña ningún sentido obcecarse nunha reforma que foi un erro", di Mogo. O deputado Celso Delgado coincide: "Cando non se acerta, débese rectificar".

Socialistas e populares critican a postura do BNG, que decidiu absterse na votación ó considerar que o novo sistema non incluía suficientes garantías contra a fraude no voto por correo. Un argumento que rexeitan os dous partidos maioritarios: "O procedemento é moi garantista —di Delgado—. O voto por correo ten unha serie de garantías: o tipo de sobre vaise modificar para que teña unhas características que impidan a manipulación, o feito de que haxa que asinar o certificado de inscrición no censo por parte do elector...".

Esta opinión compártea César Mogo: "Obrígase á presentación do elector na propia oficina, ten que presentar o seu DNI e no sobre electoral ten que asinar".

Tanto socialistas coma populares agardan que a reforma, que se prevé que entre en vigor tras o verán, aumente a participación dos residentes no estranxeiro nas próximas eleccións. Unha participación que caeu drasticamente desde que se instaurou o voto rogado en 2011: "No ámbito autonómico —apunta Delgado—, pasamos dun 30,3 % antes da reforma a un 3,2 %... Tendo en conta que Galicia ten case 500.000 residentes no exterior, a participación nos últimos comicios de tan só un 1,24 % é realmente unha cifra ridícula".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade