Publicador de contidos
Publicador de contidos

Publicada a avaliación dos sistemas para aumentar a visibilidade no Fiouco

Publicada a avaliación dos sistemas para aumentar a visibilidade no Fiouco

Son catro prototipos que buscan solucionar o problema das brétemas neste alto da A-8

G24.gal 16/10/2022 13:43 Última actualización 16/10/2022 14:39

O Ministerio de Transporte presentou as conclusións preliminares sobre os sistemas prototipo que poderían solucionar os problemas de visibilidade na A-8, á altura do Fiouco.

Neste punto da autovía do Cantábrico, entre Mondoñedo e Abadín, a brétema ás veces é tan densa que semella introducir os vehículos no medio dunha nube.

Á espera dunha solución, hai que desviar o tráfico pola estrada nacional cando se fai perigosa a circulación. As autoridades proban as opcións en treitos pequenos antes de decidirse por unha.

Catro prototipos

A primeira proposta delimita a vía cunha varanda láser que evita saídas. A segunda fai proxeccións sobre a calzada: frecha verde se está libre e vermella se o vehículo que vai diante non cumpre a distancia de seguridade, o que minimiza os accidentes por alcance.

A terceira é unha estrutura metálica que converte a néboa en choiva e mellora a visibilidade nuns trinta metros. A cuarta afasta a néboa cuns ventiladores e amplía a visión ata os sesenta metros.

O Goberno matiza que, antes de decidirse por un sistema e licitar as obras, hai que facer axustes tecnolóxicos nos prototipos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade