Queixa por un 'chiringuito' de Fisterra: "Ao solpor isto é unha feira de luz e ruído"
Queixa por un 'chiringuito' de Fisterra: "Ao solpor isto é unha feira de luz e ruído"
A veciña da leira lindante protesta polo ruído, a luz e os fumes da cociña
Os propietarios do local din que cumpren coa normativa e teñen as licenzas pertinentes
A casa de Carmen e este chiringuito fisterrán comparten, porta con porta, unha das vistas máis privilexiadas da Costa da Morte. O conflito comeza a partir das seis da tarde, cando, segundo esta veciña, o ruído, as luces e os cheiros da cociña do local fan que a convivencia se volva insoportable.
"Xera moitísimo ruído, de copas, de pratos, de nenos gritando, a música vai e vén segundo lles apetece. Ademais o extractor de fumes está orientado cara á nosa parcela, é un cheiro a frito insoportable", di Carmen Mellado, a veciña denunciante.
Cada día pon unha denuncia no Concello de Fisterra, mesmo reportou o caso á Valedora do Pobo, pero polo momento, ninguén lle deu solución.
"Eu non teño nada en contra da xente que fai o seu agosto e se lucra cun negocio, pero non pode ser a costa do meu descanso e de que eu non poida estar na miña casa. Eu quero ver as licencias que teñen, ata o momento non logrei que mas ensinaran. Eu quero velas, o tema está xa no contencioso administrativo", engade Carmen.
Desde o local declinan falar diante da cámara, pero aseguran que teñen todos os permisos en regra, do contrario, din, non estarían traballando. Insisten en que pechan antes da medianoite e que non poñen música nin organizan actuacións en directo.
Agora a xustiza será a encargada de dirimir este conflito de convivencia veciñal con vistas ao paraíso.