Queixas en Lalín polas horas dun corte programado na rede de auga municipal
Queixas en Lalín polas horas dun corte programado na rede de auga municipal
Os comerciantes que teñen na auga elemento fundamental na súa actividade critican o corte efectuado toda a mañá do mércores
O corte de auga previsto entre as nove e media e a unha e media alterou a rutina diaria de residentes e comerciantes do centro de Lalín esta mañá. Os negocios máis prexudicados son os que teñen ese elemento como imprescindible no seu funcionamento, polo que piden que desde o Concello se lles teña en conta.
"Se hai obras, é normal que se corte a auga, pero o que dicimos é que se faga a horas que non afecte tanto os negocios. Non é só as cafeterías, a pastelería tivo que pechar, aquí un salón de peiteado", di Mili Faílde, propietaria de cafetería na rúa Principal de Lalín.
No salón de peiteado tamén se queixan de que non lles colocaron o aviso do corte da auga, polo que o souberon tarde para cancelar as citas da clientela. Na clínica dental tamén se viron obrigadas a variar a citación de pacientes:
"O ideal sería que o fixeran en horas de noite, que non nos afectara tanto no traballo", di Sandra Ruiba, directora de clínica dental na rúa Principal de Lalín
A cafetería de Mili foi atendendo o servizo grazas a un sistema alternativo de auga co que conta o seu local. Mentres, na rúa Wenceslao Calvo ás once da mañá o anunciado corte non se efectuara, polo que Ángeles puido traballar sen botar man do seu plan B, pero...
"Aféctanos bastante, porque a esta hora estaría cheo de xente, pero como avisaron do corte de auga, os clientes xa non viñeron", sinala Ángeles Carpintero, propietaria da cafetería e pastelería París.
Esta hostaleira de Lalín tamén considera que o Goberno municipal debería levar a cabo os cortes da auga previsibles en horas de tarde ou noite, que prexudicarían menos.