Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queixas no Corgo polos cortes de luz, que moitos achacan ás cegoñas

Queixas no Corgo polos cortes de luz, que moitos achacan ás cegoñas

Algúns veciños cren que as aves provocan os apagamentos ao facer os niños nos postes

Os cortes poden durar horas e condicionan a vida e os negocios do concello

G24.gal 04/04/2024 12:34

A vida de Carmen depende, literalmente, da electricidade. Dúas horas de diálise diaria, que nas últimas semanas están a ser interrompidas por constantes cortes de luz. 

"No momento en que marcha a luz a máquina para e o sangue que está nos condutos coagula e xa non vale. Tiven que mercar un grupo electróxeno para que me suplira de luz se eu non a teño no momento. Pero se me colle o corte no medio da diálise, perdo ese sangue", explica Carmen.

Os apagamentos afectan á capitalidade do Corgo, repítense case a diario e poden durar horas. Así o confirman neste bar, onde están fartos de reclamar que Naturgy ou Fenosa arranxen o problema.

"Estamos máis ca fartos. Non podemos dar atención os clientes. Só pedimos unha solución. Chamamos moitas veces á compañía, pero non dan solución algunha", lamenta a camareira do bar Andaina.

Algúns veciños achacan os cortes de luz ás cegoñas, que neste mes fan os niños sobre os postes.

"Hai varias liñas de media tensión aquí. Elas veñen facer o niño, poñen as polas e ás veces caen e tocan dúas liñas, ou tocan unha liña e o poste e fan curtocircuíto. Aféctanos moito no serradoiro porque cos cortes de luz non so quedan sen traballar doce operarios, tamén se estragan as máquinas eléctricas e os motores de frecuencia que se estragan cos cortes de tensión", comenta Óscar desde o serradoiro Mader Campo.

O serradoiro é un dos negocios máis afectados. Piden medidas urxentes á compañía responsable do servizo. E, de confirmarse que son as cegoñas, propoñen solucións:

"Ou que poñen algo que impida que aniñen nos postes da luz ou que instalen outros postes con plataformas e trasladen os niños aí, tal e como fan noutras comunidades como Estremadura, para que elas poidan criar e nós, traballar", propón Óscar. 

A compañía está a revisar a liña, pero, polo momento, os cortes seguen apagando as casas e os negocios dos veciños do Corgo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade