Queixas polas molestias que ocasiona un local de ocio nocturno da Milagrosa, en Lugo
Queixas polas molestias que ocasiona un local de ocio nocturno da Milagrosa, en Lugo
Debido ao ruído xerado pola clientela, a veciñanza asegura non poder descansar pola noite
Levan recollido máis de 1.200 sinaturas para esixir o peche inmediato do establecemento
Este home de 69 anos, Antonio Ramón López, asegura non poder descansar pola noite debido ás molestias ocasionadas polo local de ocio nocturno que ten diante da casa, no barrio lugués da Milagrosa.
Comparten o seu problema outras persoas maiores residentes no mesmo edificio da rúa Tui, que se queixan dos ruídos, das pelexas ou da xente que ouriña, vomita ou chama ao timbre de madrugada.
Fernando Toubes, voceiro da plataforma S.O.S. Milagrosa Lugo Norte: "Cando soubemos da situación de Antonio, dixemos que isto xa era o límite, que non podemos aguantar máis. E chegamos tarde. É insufrible todo o ambiente que está xerando este local".
Para lle poñer freo a esta situación, dende a plataforma veciñal S.O.S. Milagrosa Lugo Norte están a recoller sinaturas que esixen o peche do local conflitivo. Polo de agora, xa estamparon a súa firma máis de 1.200 residentes na zona.
Fernando Toubes, Voceiro da plataforma S.O.S. Milagrosa Lugo Norte: "É impensable a día de hoxe que este local siga aberto e outros, coma o da rúa Doutor Fleming, foron clausurados en poucos meses, cando nós levamos anos. É inconcibible".
O local xa foi expedientado polo Concello, pero os veciños queren ir más alá e lograr que se lle retire a licenza de actividade.