Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queixas veciñais polo cheiro dun supermercado abandonado en Baio

Queixas veciñais polo cheiro dun supermercado abandonado en Baio

O inquilino marchou deixando as mercadorías podrecer no interior

A propietaria e a Garda Civil non poden entrar no local sen orde xudicial

G24.gal 17/10/2023 14:15

Hai xa catro meses que no interior deste supermercado podrecen as mercadorías. O inquilino abandonou o local deixando unha débeda de 20.000 euros á propietaria e un problema de salubridade aos veciños.

"Hai unha peste que non ten xeito, hai ratas, cascudas, moscas que entran nos pisos, non se pode nin abrir a fiestra".

"Sae toda a bichería de froita, polos, carne, de todo o que estará aí tirado desde hai meses sen limpar"

"Vin ratas cruzar dun lado a ouro, moscas grandísimas, non podemos tender roupa nin abrir ventás, se te fixas están todas pechadas", din os veciños.

A propietaria e a Garda Civil tentaron entrar no local, pero non poden posto que o Xulgado non llelo permite ata que se celebre o xuízo para o desaloxo.

"Seica sen orde xudicial non poden entrar, xa teñen denunciado por impago ao señor, pero desde xuño non soubemos máis del".

"Polo momento ninguén nos deu solución. Nin Concello, nin Seprona, nin Sanidade... e trátase dun problema sanitario grave", comentan os afectados.

O problema agravouse a pasada semana. O inquilino foi retirar algúns produtos e deixou prendido o extractor de aire expandindo o tufo máis aínda.

"Desde que prendeu o extractor, que aínda hoxe está funcionando, foi peor, non se para na escaleira co cheiro, é insoportable".

"Case non podes saír do portal, dá moito noxo, agora estades aquí e ben que o notades, non é broma", explican os veciños.

Os veciños non confían en que o inquilino vaia devolver as chaves a final de mes, como lle dixo á propietaria. Xa denunciaron a situación ante o Concello de Zas e Sanidade e agardan que alguén actúe o antes posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade