Os vándalos cébanse cos bens públicos de Ribadumia: cinco estragos nunha semana
Os vándalos cébanse cos bens públicos de Ribadumia: cinco estragos nunha semana
O Concello denunciou os feitos ante a Garda Civil; o último, un ataque contra o centro social de Besomaño
O centro social de Besomaño, en Ribadumia, foi obxecto dun ataque vandálico que deixou o inmoble cos cristais da porta principal esnaquizados. O autor ou autores tamén fixeron estragos na ventá dunha fachada lateral. A súa acción deixou pegada e danos visibles na persiana a restos no antepeito. A zona acristalada da porta está cuberta cun panel provisional.
É o quinto ben público de titularidade municipal obxecto de malfeito en pouco máis dunha semana neste concello do Salnés.
O Goberno local denunciou na Garda Civil o sucedido, o mesmo que fixo coas anteriores desfeitas: rotura dun valado de madeira, danos na escola infantil e no colexio de Ribadumia e no centro social de Lois.
Desde o Goberno municipal sinalan que son accións que só perseguen facer mal e que isto ocasiona malestar e protesta dos veciños. Ao tempo lembra a importancia de coidar os bens públicos toda a veciñanza, non só por parte da Administración.
Estes malfeitos ocasionan ás veces a interrupción dun servizo e sempre acaban supoñendo un gasto do diñeiro público na reparación de falcatruadas.