Alberto Añón, quinta xeración de oleiros, indaga en novas técnicas para incorporar á olaría de Buño
Alberto Añón, quinta xeración de oleiros, indaga en novas técnicas para incorporar á olaría de Buño
Foi o gañador dunha bolsa de formación dos Premios Artesanía de Galicia dotada con 4000 euros
Alberto Añón foi o gañador dunha bolsa de formación dos Premios Artesanía de Galicia dotada con 4000 euros. Grazas a ela poderá formarse co recoñecido oleiro de Xirona Josep Mariscal, un dos mellores expertos do mundo no traballo da porcelana.
"Dentro dese material da porcelana el traballa cunha que se chama cristalización e consiste en crear cristais de zinc no esmalte final da peza", explica o oleiro.
Alberto forma parte da actual canteira de talentos da olaría de Buño. Foi o primeiro en aplicar a impresión en 3D a pezas elaboradas con esta cerámica tradicional.
Quinta xeración familiar de oleiros, a súa é unha traxectoria baseada na tradición mais sempre na procura da innovación.
"Está 100 por 100 claro no noso obxectivo seguir mantendo a tradición como ten que ser, pero si que se queremos seguir avanzando neste tempo temos que ir formándonos, hai que seguir probando novos materiais, novas cores, novas técnicas de traballo".
Especializarse na técnica da porcelana é o seu próximo obxectivo. Quere aplicala aos pedidos que chegan ao seu obradoiro. Pezas cada vez máis exclusivas destinadas a hoteis e restaurantes.