Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desaceleración no crecemento económico de Galicia malia a perspectiva positiva en comparación coa UE, por María Cadaval

OPINIÓN

Desaceleración no crecemento económico de Galicia malia a perspectiva positiva en comparación coa UE, por María Cadaval

G24.gal 02/04/2024 08:20

O último informe de conxuntura socioeconómica que acaba de presentar o Foro Económico de Galicia reflicte que, en sintonía coa maioría dos países da nosa contorna, a economía galega experimentou unha desaceleración no seu ritmo de crecemento no último trimestre de 2023. Con todo, a pesar deste contexto, Galicia logrou manter taxas de variación interanuais superiores ás dos seus principais socios comerciais, coa notable excepción de Portugal.

De acordo cos últimos datos dispoñibles, a taxa de crecemento interanual do PIB galego sitúase nun 1,8 %, sete décimas inferior á media española. Comparativamente, esta taxa é do 0,4 % na Unión Europea e na zona euro, do 0,7 % en Francia e do 2,3% en Portugal. É importante destacar a contracción do 0,3 % en Alemaña, a principal economía europea.

No que respecta aos sectores económicos, obsérvase unha desaceleración no sector terciario, aínda que se mantén como o sector coa taxa de crecemento interanual máis elevada, alcanzando un 2,3 %, oito décimas menos que en España. Por outro lado, destácase o crecemento no sector da industria manufactureira e a construción, cun aumento do 1,7 % e 0,8 % respectivamente, taxas significativamente inferiores á media nacional. O sector primario tivo unha contracción do -0,9 %, por baixo da media española do -2 %.

O crecemento do PIB real en Galicia baséase nunha contribución positiva da demanda externa, en contraste cunha menor contribución da demanda interna, ao contrario do observado na economía española. Destácase a desaceleración significativa do consumo privado e a contracción do sector de investimento en Galicia.

Dende o punto de vista da oferta, Galicia presenta unha importante fenda en produtividade relativa en comparación coa media española, especialmente no sector manufactureiro. A pesar de certos avances, a produtividade do traballo e da industria manufactureira continúa sendo inferior á media nacional, o que representa un desafío para a competitividade a longo prazo. A única excepción atópase no sector da construción, en que a produtividades xoga a favor en Galicia.

No mercado laboral, a pesar da desaceleración no crecemento do PIB, obsérvase un balance positivo, con melloras na participación e ocupación das persoas, así como unha redución nas taxas de desemprego e temporalidade. A poboación ocupada medrou un 2,3 %, seis décimas por riba de 2022, e as afiliacións medraron un 1,8 %. O mercado laboral galego medrou acompañado dun incremento da poboación activa, fundamentalmente concentrada na poboación estranxeira.

No que atinxe ao perfil do emprego creado, destácase a presenza de mulleres, persoas estranxeiras de países non comunitarios, xente nova e maior idade, con estudos primarios ou coa segunda etapa da ESO con orientación xeral. A maioría do emprego creado é asalariado e de carácter indefinido, aínda que se observa un maior dinamismo no emprego a tempo parcial que a tempo completo.

En resumo, a economía galega afronta desafíos importantes en termos de crecemento e produtividade, aínda que se manteñen certos indicadores positivos no mercado laboral. Para impulsar un crecemento sostible e equitativo será necesario abordar as fendas de produtividade e promover políticas que fomenten o investimento e a innovación en todos os sectores económicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade