Raquel Sánchez reúnese cos transportistas convocadores do paro
Raquel Sánchez reúnese cos transportistas convocadores do paro
Centos de transportistas achegáronse de todas as partes de España para manifestarse diante do Ministerio de Transportes
A Plataforma de Defensa do Transporte por Estrada mantivo a súa convocatoria de paro e da concentración prevista en Madrid, pese ao acordo acadado entre o Goberno e o CNTC, ao que tildan de "mafia opresora".
Son centos os transportistas que se achegaron de todas as partes de España para manifestarse diante do Ministerio de Transportes. Teñen dúas intencións, pedir a dimisión da ministra Raquel Sánchez porque se negou a recibir os convocadores do paro e por outra parte esixir medidas que poidan paliar o incremento do prezo do gasóleo.
Mentres se producía a protesta a ministra anunciaba para as cinco da tarde unha reunión cos membros da plataforma que aglutina os folguistas. Desde que comezou a folga hai dúas semanas será a primeira vez que Raquel Sánchez os reciba, iso si, aclarou que a xuntanzá será para explicarlles o acordo.
Polo momento continúa o paro indefinido, que hoxe cumpre a súa duodécima xornada. Para os convocadores do paro, as medidas aprobadas non son suficientes. Manolo González, transportista galego, achegouse ata Madrid e manifestou que "as medidas son insuficientes e que a ministra ten que escoitar os que convocaron o paro porque os que sentaron na mesa non son os que nos representan".
"Crear áreas seguras porque despois de traballar todo o día non podemos quedar pola noite vixiando que non nos rouben a nosa mercadoría, que con 60 anos non podemos estar nun camión e que recoñezan os accidentes de tráfico como accidentes laborais", destacou González.
Cren que despois de 12 días de paro hai algo de "desleixo" por parte da ministra. Finalmente, Raquel Sánchez recibirá membros da plataforma convocadora do paro ás cinco da tarde deste venres.