Publicador de contidos
Publicador de contidos

Raquel Sánchez, reprobada no Parlamento por segunda vez en 24 horas

Raquel Sánchez, reprobada no Parlamento por segunda vez en 24 horas

O PP censura a súa política de vivenda e os partidos nacionalistas cataláns, a xestión do transporte ferroviario

A ministra Raquel Sánchez na conferencia de prensa tras un Consello de Ministros (EFE/ Fernando Alvarado)
G24.gal 11/05/2023 12:50 Última actualización 11/05/2023 15:08

A xestión da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, foi reprobada este xoves pola maioría do pleno do Congreso dos Deputados, o que supón a segunda reprobación que recibe en 24 horas, xa que o mércores ocorreu algo similar no Senado.    

Nesta ocasión, a reprobación á ministra "pola súa xestión á fronte do Ministerio" incluíuse nunha emenda do PP sobre a política do Goberno en materia de vivenda e, concretamente, o seu "intervencionismo e a falta de rigor da política de vivenda".

Esta iniciativa foi apoiada polo PP, Vox, Cs, os grupos independentistas cataláns (ERC, JxCAT, PDeCAT e a CUP) e outras formacións como Foro Asturias e os dous exdeputados de UPN, cun resultado final de 173 votos a favor, 161 en contra e 6 abstencións.

En sentido contrario votaron o PSOE, Unidas Podemos, EH Bildu, Coalición Canaria, Más País, Compromís, PRC ou BNG, entre outros partidos, mentres que o PNV se abstivo.

Tras a reprobación, a portavoz do PP no Congreso, Cuca Gamarra, pediulle á ministra que abandone o Consello de Ministros, xa que a votación plasmou a súa "política nefasta" e a ausencia do presidente do Goberno, que "nin tan sequera veu a votar en contra da reprobación".

"É a consecuencia dun Goberno que só se dedica á propaganda e non a gobernar para os españois. É un Ministerio que se caracterizou pola ausencia de políticas que melloren o día a día", puntualizou.

A reprobación de hoxe ten lugar despois de que o mércores ERC e PP unisen os seus votos no Pleno do Senado, xunto ao PNV, Junts, Compromís e outros grupos nacionalistas, para aprobar a reprobación da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, pola súa xestión nos servizos ferroviarios de proximidade.

A iniciativa partiu de ERC, que expuxo unha moción para reprobar a titular de Transportes "pola constante ineficacia na xestión de Renfe e Adif en Cataluñaa, a incapacidade para adoptar medidas para facer fronte ás incidencias e a afectación diaria na calidade do servizo e a mobilidade das persoas viaxeiras".   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade