Reabre a adega familiar máis antiga de Galicia, datada no século XVI
Reabre a adega familiar máis antiga de Galicia, datada no século XVI
O Pazo da Costa, na Ribeira Sacra lucense, ten previsto inaugurar en xuño as instalacións rehabilitadas
Retomaron a produción de viño en 2020 e contan con chegar aos oitenta mil litros anuais
O documento máis antigo da propiedade é un testamento de 1607
Entrar no Pazo da Costa, en San Clodio, é como viaxar a través do tempo.
A antiga adega, xa rehabilitada pero conservando a esencia orixinal, é anterior incluso a 1608, o ano do testamento que acredita a súa antigüidade.
Guillermo Hermo, Director do Pazo da Costa: "Recentemente datamos polo carbono 14, a partir da madeira dos linteis, do morteiro e demais, e a marxe que nos daba era de 1520 a 1570 máis ou menos. Aquí chegaban a traballar ata 50 persoas, cunha elaboración que superaba os cen mil litros nos séculos XVII e XVI".
Os viñedos do Pazo esténdense por 14 hectáreas de ladeiras, ata a estación de tren, que se construíu aquí no seu momento, precisamente, para lle dar servizo ao pazo e á economía local que este movía.
Levaban máis de corenta anos sen producir viño, pero retomárono en 2020 como eixo vertebrador da recuperación do pazo: "E pouco a pouco fomos crecendo ata chegar a 2022, que xa estamos cerca dos corenta mil litros de viño", explica Guillermo.
Inauguración en xuño
O proxecto do actual propietario, décimo cuarta xeración da familia, é "musealizar" a adega e o propio pazo, que conserva decoración e mobiliario orixinais, ademais de viños de máis dun século de antigüidade.
"O museo de viño, con botellas de elaboracións ata 1874, que en Galicia é moi difícil atopar, ou case imposible, diría eu", sinala Guillermo.
Teñen previsto inaugurar en xuño, unha vez conclúan os traballos de rehabilitación.