Reabren a investigación do asasinato de Miguel Ángel Blanco para dar cos autores intelectuais
Reabren a investigación do asasinato de Miguel Ángel Blanco para dar cos autores intelectuais
Unha querela presentada ante a Audiencia Nacional pola Asociación Dignidade e Xustiza considera que o secuestro e execución foi imposible sen a orde da dirección da ETA
A Audiencia Nacional ordenou reabrir a investigación sobre o asasianto do concelleiro do Partido Popular Miguel Ángel Blanco para tratar de determinar quen foron os dirixentes da ETA que planearon e ordenaron o seu secuestro e execución en xullo de 1997.
O titular do Xulgado de Instrución Número 6, Manuel García Castellón, admitiu a trámite unha querela presentada pola Asociación Dignidade e Xustiza e xa encargou informes á Policía Nacional e á Garda Civil, segundo fontes consultadas por Europa Press.
A acusación está dirixida contra os nove xefes da banda terrorista que compoñían o seu máximo órgano de dirección naquela altura, e entre os que estarían históricos dirixentes como Ignacio Miguel Gracia Arregui, alias 'Iñaki de Rentería'; José Javier Arizcuren, alias 'Kantauri'; María Soledad Iparaguirre, alias 'Anboto'; Juan Carlos Iglesias Chouzas, alias 'Gadafi'; Mikel Albisu, alias 'Mikel Antza', e Asier Oyarzabal, alias 'Baltza'.
Os autores materiais foron condenados
No caso do asasinato de Miguel Ángel Blanco, a Audiencia Nacional xa condenou en 2006 a 50 anos de prisión o exdirixente da ETA, Francisco Javier García Gaztelu, 'Txapote', e a súa compañeira sentimental, Irantzu Gallastegui Sodupe, 'Amaia', como autores materiais.
Na sentenza, o tribunal consideraba probado que ambos "planificaron e executaron o secuestro e posterior asasianto, seguindo directrices da cúpula da organización terrorista ETA".
Imposible sen a orde da dirección
"O executor material condenado empuñou a pistola. Pero os nove aquí querelados empuñaban ao executor material da mesma maneira. Son os auténticos autores detrás o autor" argumenta na súa querela a Asociación Dignidade e Xustiza que pensa que "é imposible que ata o último dos integrantes" da dirección da ETA "non estivese ao tanto de que o secuestro proseguía, e que cada vez estaba máis próximo o día e a hora do asasinato".