Reabren os dous polígonos bateeiros pechados pola vertedura da depuradora de Cambados
Reabren os dous polígonos bateeiros pechados pola vertedura da depuradora de Cambados
O peche cautelar programado para facer unha obras na EDAR durou 24 horas
Fíxose coincidir cunha semana na que non había actividade marisqueira en Tragove
Mariscadoras e bateeiros piden que eviten as verteduras nas obras programadas
O mércores pola mañá xa se apreciaba de novo actividade nos dous polígonos marisqueiros -Cambados D e Grove A - afectados por un peche cautelar relacionado coas obras que se están facendo na depuradora de Cambados. A renovación dunha parte da condución de augas residuais obrigaba a que a vertedura tivera que ir directamente ao emisario mariño de Tragove mentres se facía o cambio.
Malia ao peche cautelar dos polígonos máis próximos ao emisario submarino, desde o luns pola noite, e a que a obra se fixo cadrar cunha semana sen actividade marisqueira, no sector hai un certo resentimento co feito de que sexa unha vertedura autorizada.
Confían no resultado das análises de seguimento que fai o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), que xa confirmaron que se pode levantar o peche provisional, e agardan que a obra realizada supoña un beneficio a longo prazo. Pero tanto desde o sector bateeiro coma do marisqueiro piden que cando volva tocar facer melloras sexa sen necesidade de verteduras ao mar.