Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reaparecen doenzas que se daban case por erradicadas

Reaparecen doenzas que se daban case por erradicadas

Unha menor taxa de vacinación e un menor uso do preservativo, entre os motivos
 

G24.gal 11/05/2023 15:09 Última actualización 11/05/2023 15:59

Só a varíola está oficialmente erradicada, xa dende o 1979. Outras doenzas como o xarampón, as papeiras ou a polio persisten, aínda que con perfil baixo. De cando en vez reaparecen, sobre todo cando baixan as taxas de vacinación.

 "Nestes momentos si que non as estamos vendo, sobre todo na nosa área, na nosa zona, porque a porcentaxe de pacientes vacinados é moi alta, e iso fai que a infección estea contida", informa Lorenzo Redondo, pediatra do Hospital Clínico de Santiago

A que si está volvendo ás consultas galegas é a escarlatina.

 "A escarlatina é unha infección por estreptococo que estivo sempre presente, pero si que é certo que nestes últimos meses aumentou tamén a frecuencia dunha maneira significativa", continúa o facultativo

As que tamén volven ao mapa de enfermidades con alta prevalencia son as de transmisión sexual. Os facultativos falan dunha preocupante relaxación dos métodos de protección entre a mocidade. Sífile, gonorrea e incluso a sida están empezando a repuntar.

"Estamos vendo que afecta persoas novas, é relativamente máis común entre varóns que teñen sexo con varóns, pero en xeral tamén heterosexuais o están padecendo", apunta Isabel Belinchón, dermatóloga do Hospital Xeral Universitario de Alacante.

Aínda que algunhas destas enfermidades teñen tratamento, outras aínda son incurables, por iso é tan importante que os novos tomen conciencia do uso do preservativo.

"Cando se mesturan outros factores como o alcohol e ese tipo de situacións, pode haber unha rebaixa dese tipo de barreiras, vaia".

 "Adóitase poñer máis o preservativo por medo ao embarazo que por medo ás enfermidades de transmisión sexual, e hai moito descoñecemento nese aspecto".

"Son bastante máis perigosas que calquera outra cousa, porque ao fin e ao cabo é algo co que cargas toda a túa vida, por así dicilo", comentan varios mozos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade