Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recomendan vixiar as viñas en Pontevedra pola presenza de oídio

Recomendan vixiar as viñas en Pontevedra pola presenza de oídio

Técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro detectaron unha maior presenza de acios con oídio en todas as comarcas da provincia

G24.gal 23/06/2023 19:28 Última actualización 23/06/2023 19:35

A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda estremar a vixilancia nos viñedos xa que entran nun período de máxima sensibilidade ao oídio -enfermidade producida por fungos-.

Na revisión que fixo esta semana persoal técnico de Areeiro detectouse unha maior presenza de acios con oídio en todas as comarcas da provincia.

Por ese motivo, explica a institución provincial, "fai falta extremar a vixilancia, tendo en conta ademais o período no que se atopa a viña, de máxima sensibilidade, e o incremento previsto das temperaturas e ausencia de choivas, condicións que favorecen as infeccións".

Areeiro recomenda realizar labores que faciliten a ventilación da viña e favorezan a exposición dos acios á radiación solar.

Ademais esta semana incrementáronse nalgunhas viñas capturas de cicadélidos, aínda que os recontos seguen en niveis baixos para o que é habitual nestas datas.

Aínda así, aconséllase, nas zonas sur da provincia, aplicar un insecticida rexistrado para o control do cicadélido vector da flavescencia dourada, xa que está previsto que o incremento das temperaturas acelere o ciclo do insecto e fai falta controlalo para evitar a propagación da enfermidade.

Ademais, comeza a incrementarse o número de plantas que manifestan a sintomatoloxía propia das enfermidades da madeira, aínda que o tempo seco que se prevé para os próximos días non favorece o seu avance.

Areeiro recomenda manter a vixilancia e non descoidar as rozas de vexetación do chan, os despuntes, as podas en verde e a retirada de folla para buscar unha viña sen retencións de humidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade