Así foi a operación que desmantelou en Cotobade o maior laboratorio de cocaína de Europa
Así foi a operación que desmantelou en Cotobade o maior laboratorio de cocaína de Europa
Os axentes do Grupo de Resposta Especial contra o Crime Organizado (GRECO) relatan os pormenores da operación Mourente
O laboratorio tiña capacidade para fabricar 200 quilos de cocaína diarios
A parroquia de Mourente, en Pontevedra, deulle nome á operación que desmantelou o maior laboratorio para fabricar cocaína atopado en Europa. Nunha nave industrial desa parroquia, a Policía Nacional incautou 1.300 quilos de pasta base, a maior cantidade atopada ata o momento fóra das zonas de produción da coca.
Segundo explica o xefe da sección Greco en Galicia, Emilio Rodríguez, o alixo viña camuflado nunha máquina pesada, "para picar pedra nas minas", que chegou por mar ao porto de Leixões, en Portugal, e logo por estrada ata a nave de Mourente.
A introdución da pasta base en Europa supuxo un cambio no modus operandi destas organizacións: en vez de traer a cocaína fabricada, viñeran fabricala aquí.
"Os estudos realizados indican que hai unha superprodución de coca en América do Sur", afirma o inspector Rodríguez. Para acurtar prazos e dar saída a ese excedente, acurtan os procedementos -explica- así que "en vez de mandar a coca, mandan a pasta base".
Por esa materia prima esperaban os 'cociñeiros' colombianos no laboratorio, instalado nunha vivenda unifamiliar que tiñan alugada en Cotobade. Facían quendas para producir as 24 horas e podían fabricar 200 quilos diarios. Interviñéronos en canto tentaron sacar o primeiro lote ao mercado: pilláronos con 151 quilos de cocaína, e máis de 23.000 litros e 4.000 quilos de produtos químicos necesarios para elaborala.
Dende este núcleo, conseguiron desmantelar toda a cadea da organización criminal, con 18 detidos. "Identificamos e encarceramos os industriais que importan a máquina coa pasta base dentro, á organización que prepara o envío de América do Sur e que dirixe dende Madrid todo o proceso, ao grupo colombiano que constrúe o laboratorio en Cotobade e aos mexicanos que dirixen ese laboratorio", lembra Emilio Rodríguez.
Foi unha operación sen precedentes, pero non a única. Este ano, o Grupo de Resposta contra o Crime Organizado da Policía Nacional asestou varios golpes ao tráfico de cocaína. "Interviñéronse moitas toneladas de cocaína" afirma Rodríguez. Nun repaso rápido polas operacións, lembra a Turbo, "con dúas toneladas de cocaína no porto de Vigo"; a operación Lume Bo "con 1.500 quilos nun barco"; a Santa Mariña, "con 1.500 quilos no Nuevo Furuno", e "outros 2.300 quilos" na operación Tauros.
Sinal de que hai abundancia é que o prezo baixou: hoxe as mafias véndena a uns 22.000 euros o quilo. A Fundación Galega contra o Narcotráfico está promovendo unha petición formal de axuda: urxen máis recursos para tentar conter a avalancha de entradas de cocaína en Galicia.