Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recrean un castro no ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao

Recrean un castro no ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao

Os visitantes poderán coñecer de forma máis realista o modo de vida na Idade de Ferro

Félix Aragunde 02/12/2022 08:50

No ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao, construíron varios edificios da época castrexa a escala real. Tras levantar os muros un arqueólogo, un teitador dos Ancares encárgase agora de pórlles os colmos con palla de centeo.

Juan González Abella, teitador: "O castro é algo que non empecei a facer ata hai un anos. Traballaba coas pallozas nos Ancares e levo o mantemento do Cebreiro ou de Piornedo. Isto é moi similar ás pallozas, pero son edificios máis pequenos".

A recreación, que ocupa uns 300 metros cadrados, está situada entre o pazo e o castro de Arxeriz, un poboado da Idade de Ferro con vistas ao Cabo do Mundo.

O conxunto está formado por unha vivenda, un celeiro ou un alpendre. No seu interior xa se instalaron elementos como un muíño de man, que se completarán con mobiliario da época.

Sonia Faria, guía do museo: "Estamos recreando unha unidade familiar que apareceu durante as escavacións do castro, composta por unha vivenda, un patio de traballo, unha serie de muíños para moer o gran, un almacén e un celeiro. E o interior vai estar amoblado de época".

Unha vez rematado o proxecto, os milleiros de visitantes que cada ano recibe o museo de Arxeriz poderán coñecer o interior dun castro e mais o modo de vida dos antigos galaicos dunha forma máis realista.

Sonia Faria, guía do museo"Por un lado, ponse en valor o castro, faise posible coñecer de forma máis real a vida do castro e tamén hai un afán didáctico, para escolas e particulares, ao amosarlles esa vida tamén con actividades relacionadas".

Prevese que a recreación do castro se abra ao público a comezos de 2023. Complementará a xa variada oferta do museo etnográfico de Arxeriz.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar