Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recuperan o corpo sen vida dunha muller afogada no porto de Vigo

Recuperan o corpo sen vida dunha muller afogada no porto de Vigo

O cadáver apareceu aboiando na zona de atraque do transporte de ría

As forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias deste suceso

G24.gal 14/02/2024 09:14 Última actualización 14/02/2024 10:04

Os bombeiros de Vigo, a bordo dunha embarcación, rescataron o corpo sen vida dunha muller no porto vigués na madrugada deste mércores. O cadáver apareceu aboiando na zona de atraque do transporte de ría, segundo precisaron fontes da Policía Nacional, que tamén confirmaron que, aparentemente, non hai signos de violencia.

O 112 Galicia comunicou que un particular contactou coa central de emerxencias ás 00:40 horas da madrugada para alertar de que estaba visualizando o corpo dunha persoa na auga.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia pasaron aviso do sucedido a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Vigo, que se encargaron de rescatar o corpo da muller a bordo dunha embarcación. A maiores, tamén foron informados a Autoridade Portuaria de Vigo, os axentes da Policía Nacional, da Policía Local e da Garda Civil e mais os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vigo.

As forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias deste suceso, aínda que fontes consultadas por Europa Press apuntaron a que o cadáver podería levar varios días no mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade