Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recuperan tres pezas dun baldaquino de pedra de hai 500 anos en Campo Lameiro

Recuperan tres pezas dun baldaquino de pedra de hai 500 anos en Campo Lameiro

Coa chegada do Barroco os altares do románico foron substituídos por retablos de madeira 

Unha historiadora da Universidade de Santiago datou as pezas entre 1520 e 1530

Xa foron restauradas e quedarán expostas na igrexa de Santo Isidro do Monte

G24.gal 30/09/2022 15:28 Última actualización 30/09/2022 16:23

Campo Lameiro ten sona pola súa gran riqueza de arte rupestre, pero a iso pretende engadir tamén valiosas obras do románico.

Unha delas é a que acaban de restaurar e expoñer na igrexa de Santo Isidro do Monte. Trátase de parte dun baldaquino de pedra datado hai cincocentos anos. 

Técnicos de arqueoloxía e restauración da Cooperativa Árbore ultiman estes días a colocación dos tres anacos do que no seu día foi a obra de ornamentación do altar maior.

A partir da época do Barroco, a nova moda dos retablos de madeira levou á retirada dos baldaquinos de pedra, que foron despezados e os seus anacos correron distinta sorte.

En Santo Isidro hai quen lembra que estas pezas andaron por varios lugares dentro e fóra da igrexa.

Levaban décadas medio esquecidas tras da gran pía bautismal, ata que hai un ano o novo cura da parroquia se interesou por saber exactamente que eran e que valor tiñan.  

Segundo o arqueólogo e restaurador de Árbore, Benito Vilas, o estudo da historiadora da Universidade de Santiago Dolores Barral Rivadulla confirmou que se trata de pezas moi destacadas de época románica e que foron feitas a comezos do século XVI. 

Tras a restauración promovida polo Concello de Campo Lameiro e a Deputación de Pontevedra, as pezas vanse expoñer de forma permanente mesmo a carón do lugar para o que foron creadas hai cinco séculos.

Os veciños celebran que agora se poidan ver e tanto o párroco de Montes coma o alcalde de Campo Lameiro agardan que poidan acabar formando parte dunha ruta polos baldaquinos románicos para ampliar os atractivos turísticos do concello máis alá da súa soada arte rupestre. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade