Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recuperan unha guitarra roubada, valorada en 15.000 euros, que o ladrón vendeu por 10

Recuperan unha guitarra roubada, valorada en 15.000 euros, que o ladrón vendeu por 10

A Policía Local do Porriño descubriu axiña quen comprou o instrumento e deu tamén con quen llo vendeu

Nin un nin outro coñecían o valor real da guitarra, unha peza de edición limitada

G24.gal 15/01/2024 13:24

A Policía Local do Porriño recupera unha guitarra que fora roubada por descoido nunha escola de música da vila. Pero, cando o ladrón entrou na escola, que tiña a porta aberta, e colleu a primeira guitarra que atopou, non sabía o valor do que acababa de subtraer. Unha fermosa PRS dos anos oitenta, modelo de gama alta, elaborada con madeira africana, unha das preferidas do mítico Santana e das que xa non se fabrican. Valorada en máis de 15.000 euros, que decidiu vender, ou máis ben regalar, nada máis saír á rúa ao primeiro que se interesou por ela.

O comprador é un mozo, veciño do Porriño, que foi visto paseando co instrumento na man. Un feito que facilitou as pescudas da Policía Local, que axiña deu con el, no barrio de Torneiros, onde reside.

El confesou que mercara a guitarra e deu os datos de quen lla vendeu, tamén veciño de Torneiros. Apenas pasaron catro horas entre a denuncia do roubo e a localización do instrumento. Dous días despois era detido tamén o ladrón. 

O caco, nada melómano, coñecido delincuente da zona, xa saíu en liberdade con cargos tras pasar polo xulgado. O comprador é investigado por receptación de material roubado. Por fortuna, a guitarra non sufriu danos e está xa nas mans de quen sabe apreciala.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade