Regresa á casa, sa e salva, a muller de 84 anos desaparecida en Palas de Rei
Regresa á casa, sa e salva, a muller de 84 anos desaparecida en Palas de Rei
A perda da anciá quedou nun susto tras case 24 horas de busca
Unha muller de 84 anos con alzhéimer puido volver á súa casa en Palas de Rei tras pasar case un día enteiro desaparecida. A octoxenaria, veciña da parroquia de Lestedo, botou a noite vagando polo monte no lugar de Liúlfe.
A súa familia deu a voz de alarma ao non atopala, polo que se activou un dispositivo de busca en que participaron efectivos da Garda Civil, da agrupación palense de Protección Civil e dos GES de Monterroso e de Friol e Palas, ademais dos medios aéreos da Axega e mais os residentes na zona.
"Toda a noite mirou polas hortas todo arredor da casa e non apareceu. Pola mañá foron dar parte á Garda Civil e xa viñeron de Palas e de Monterroso. Só teño agradecemento para os axentes e para todos os veciños", explica Carmen García Vidal, cuñada da desaparecida.
Por sorte, a desaparición da anciá tivo un final feliz. Tras case 24 horas desorientada, ela mesma parou un coche e pediulle á condutora que a achegase ata a súa casa.
"Ela parouno para que a levasen á primeira aldea, e trouxérona. Andaba toda a aldea, os gardas e os helicópteros e o dron mirando todo, e non aparecía por lado ningún", di Carmen.
A muller chegou á casa coas pernas mancadas, e tras recibir asistencia médica xa está a recuperarse do susto.